----

O Consello da Cultura Galega renova a composición das súas seccións, comisións e arquivos

O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou no serán do pasado xoves 14 de xullo unha sesión plenaria ordinaria na que aprobou os nomeamentos e renovacións dos coordinadores e coordinadoras das súas seccións, comisións e arquivos.

No Pleno que tivo lugar o pasado xoves procedeuse á votación e aprobación dos novos coordinadores e coordinadoras de seccións, comisións e arquivos. Entre os nomeamentos está a incorporación de Manuel Quintana Martelo á fronte da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas; de Rebeca Blanco-Rotea como coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais; de Xulio Ríos á fronte da Comisión de Acción Exterior e de María Xosé Porteiro na Comisión de Igualdade. Substitúen a María Luisa Sobrino, Iago Seara, Ramón Villares e María Xosé Agra, respectivamente.

Ademais, renovan como coordinadores Francisco Díaz-Fierros Viqueira na Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade; Ramón Máiz na Sección de Filosofía e Pensamento; Dolores Vilavedra na Sección de Lingua, Literatura e Comunicación; e Maximino Zumalave na Sección de Música e Artes Escénicas.

No caso dos arquivos, foron ratificados os actuais coordinadores e coordinadoras: Ramón Villares no Arquivo Emigración Galega, Xosé López á fronte do Arquivo Sonoro de Galicia e Rosario Álvarez Blanco no Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia.

Estes cambios teñen lugar segundo o establecido na Lei de creación do Consello da Cultura Galega (Lei 8/1983, do 8 de xullo) e no Decreto 162/2008, do 10 de xullo, de organización e funcionamento da institución. Neles establécese que as seccións e as comisións técnicas son órganos de goberno, mentres que os arquivos se encargan do estudo, documentación e recuperación da memoria cultural.