----

O presidente do Consello da Cultura presenta en Ribadeo a publicación Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, o alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, e o investigador Pablo Rodríguez presentan mañá venres en Ribadeo (20:30 horas) o libro Eliseo Pulpeiro. As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e o Río da Prata). A obra revisa a figura de quen foi fundador de Céltiga, unha cabeceira crucial no proceso de afirmación e desenvolvemento do galeguismo entre as comunidades galegas de América. Non é a única actividade da institución nesta localidade lucense, xa que pola mañá (12:30 horas) inaugura Galicia Imaxinada, a exposición que visualiza de xeito gráfico a influencia da emigración na creación dos símbolos de Galicia.
O presidente do Consello da Cultura presenta en Ribadeo a publicación <i>Eliseo Pulpeiro

A presentación de Eliseo Pulpeiro, As letras galegas entre dúas ribeiras (Ribadeo e o Río da Prata) serve para poñer en valor a figura deste ribadense en prol da cultura galega desde Arxentina. A publicación ten un fío común coa exposición que se inaugura pola mañá xa que Pulpeiro foi o fundador e editor literario da revista Céltiga, unha publicación que tivo un papel destacado no proceso de afirmación e desenvolvemento da identidade galega entre os emigrantes e exiliados en América. Esta presentación insírese no marco da actividade da feira do libro e conta coa presenza do alcalde, Fernando Súarez e o investigador Pablo Rodríguez.

A obra dá conta da presenza das letras galegas na emigración. Nela pódese coñecer o seu vínculo co nacionalismo, coa revista que fundou, así como algunhas das súas colaboracións e cartas persoais. Eliseo Pulpeiro (Ribadeo 1901- Bos Aires 1974) é un emigrante lucense que fundou e dirixiu a dimensión literaria de Céltiga, cabeceira pola que pasou a intelectualidade galega residente en Arxentina. A publicación pode descargarse desde o web do Consello da Cultura Galega.

A mostra Galicia Imaxinada
Moitos dos símbolos identitarios (a bandeira, o himno….) teñen a súa orixe na emigración, por iso está totalmente vixente a revisión de como se foron configurando. A exposición Galicia Imaxinada presta atención a esa construción identitaria a través de revistas porteñas como Céltiga, Suevia e Almanaque Gallego, xunto coas habaneiras Eco de Galicia e La Tierra Gallega, entre outras referencias como Alfar. Unha mostra que, alén de reconstruír a Galicia dos emigrantes: símbolos, tradicións e tópicos, permite tamén acadar unha imaxe completa da cultura visual da época.