----

Unha xornada do Consello da Cultura explica como as ciencias nos ensinan a indagar e a argumentar

Da eficacia de lavado das bolas ecolóxicas ata os anticelulíticos pasando por fenómenos como a seca da lagoa de Antela ou o terremoto de Lorca do ano 2011. Ao longo da xornada “As ciencias ensinan a pensar: razoamento científico e pensamento crítico” analizáronse casos e novas reais para dar conta de cómo a ciencia nos axuda a desenvolver un pensamento crítico. A cita do Consello da Cultura Galega puxo sobre a mesa prácticas científicas para construír e validar coñecementos e ter así unha opinión máis formada lonxe de subxectividades e impresións.

Ao longo da xornada de hoxe diferentes expertos foron explicando como a forma de traballar das ciencias inclúe o razoamento ou a avaliación dos feitos ou afirmacións baseándose en probas e en argumentos e non en opinións subxectivas. Unhas ferramentas que nos permiten conformar un pensamento crítico. “Todo nos ensina a pensar” explicaba a coordinadora da xornada, Marilar Aleixandre, que destacaba tamén o papel complementario das ciencias con respecto ás humanidades. Sobre esta idea tamén afondou Francisco Díaz-Fierros, vicepresidente do Consello da Cultura e coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, na inauguración ademais de incidir na ciencia como unha parte fundamental da cultura e da necesidade dunha cultura científica.

Prácticas, características e experiencias
Os relatorios científicos comezaron coa doutora Conxita Márquez, profesora na UAB e editora da revista Enseñanza de las Ciencias, quen puxo sobre a mesa a súa experiencia docente en promover a lectura crítica de textos científicos en secundaria. Valeuse para iso de exemplos prácticos de publicidade en cuestións de saúde e de cosmética para incidir na necesidade de ler criticamente. “Hai que analizar, relacionar e opinar sobre o contorno que nos rodea” afirmou. Na súa exposición explicou unha experiencia práctica realizada co alumnado de secundaria que lles permitiu ter unha opinión argumentada sobre a eficacia dunha bola ecolóxica de lavado.

O punto de vista máis teórico chegou da man do doutor Christian Plantin, profesor de Ciencias da linguaxe, que é un pioneiro nas investigacións arredor das interaccións entre razón e emoción no discurso argumentativo sobre cuestións científicas de relevancia social.

A sesión da tarde centrou o tema en Galicia. Marilar Aleixandre, quen dirixe un grupo de investigación sobre razoamento e pensamento crítico con atención a cuestións como as ideas deterministas, ofreceu un relatorio titulado “O desenvolvemento do pensamento crítico sobre cuestións científicas de incidencia social”. Nel explicou algúns dos compoñentes do pensamento crítico: a avaliación de coñecementos en base a probas e unha análise crítica de recursos que xustifican desigualdades. Para Marilar resulta imprescindible interiorizar esas prácticas científicas á hora de interpretar a realidade para poder ter unha opinión formada e independente.
A xornada rematou cunha mesa redonda na que participaron Ánxela Bugallo, Juan Ramón Gallástegui Otero, Andrés Sanjuan e Manuel Vicente, que explicaron experiencias prácticas desde o ámbito docente e o dos medios de comunicación na difusión dun coñecemento validado cientificamente lonxe de subxectividades.
Con esta xornada preténdese facer explícito este papel das ciencias na crítica á pseudociencia, á publicidade enganosa ou a ideas, como o racismo, baseadas na ideoloxía e non nos datos científicos.

Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada insírese na liña de traballo da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade, coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros. Entre as súas áreas de actuación está elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza (o proxecto Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegos,ou a publicación de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, De quen é o solo ou De quen é a auga) ou informes como A divulgación da ciencia en Galicia, que compila a variedade e calidade de iniciativas que existen no noso país para a difusión do coñecemento científico. Ángel Carracedo, Jorge Mira, Xurxo Mariño ou Marilar Aleixandre son algúns dos membros desta sección.