----

O Consello da Cultura e o instituto Etxepare fan confluír en Santiago a poesía vasca e a galega

Co poema “Autobusa hartu behar dut” (“Cómpreme coller o bus”) de Leire Bilbao abriuse esta tarde no Consello da Cultura Galega (CCG) un recital poético singular. Tratouse dun diálogo entre a literatura galega e vasca nas voces de poetas recoñecidos de ambas literaturas. Miren Agur Meabe, Gonzalo Hermo, Manuel Rivas e Dores Tembrás completaron esta proposta que foi presentada polo escritor e membro da Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do CCG, Anxo Angueira quen destacou a vizosa relación entre a lingua e a cultura vasca. Foi o vicepresidente Francisco Díaz-Fierros quen situou a cita no marco dunha liña de traballo institucional que o Consello da Cultura mantén co Instituto Ramón Llull e co Etxepare no que atende á difusión da cultura e o idioma das diferentes linguas ibéricas.
O Consello da Cultura e o instituto Etxepare fan confluír en Santiago a poesía vasca e a galega

A proposta arrincou coa poesía vasca nas voces de Leire Bilbao e Mire Agur Meabe (quen recitou os versos de Felipe Juaristi ausente esta tarde), seguida polos poeta galegos Gonzalo Hermo, Manuel Rivas e Dores Tembrás. Entre todos recitaron nas súas respectivas linguas preto dunha trintena de poemas, algúns deles inéditos.
Este recital insírese no marco dun programa titulado “Poetas itinerantes” que comezou a primavera pasada en Barcelona cun primeiro encontro entre poesía catalá e vasca e que xurdiu para ir estreitando os vencellos entre as tres culturas coa poesía como aliada na construción dun espazo común e diverso. A proposta continuará en Euskadi nos vindeiros meses, cun diálogo entre a cultura galega e a vasca. Ademais, a propósito desta actividade editouse un libro web cunha escolma de cinco poemas de cada poeta traducida a ambas as linguas e que xa está a disposición do público no web institucional do Consello da Cultura Galega.

Liña de actuación continuada
O vicepresidente Francisco Díaz-Fierros incidiu na presentación do recital que o establecemento de canles de traballo de común con outras entidades responsables da difusión das linguas e culturas ibéricas “segue o espírito que o seu primeiro presidente practicou nos anos escuros con Koldo Mitxelena e con Josep Tarradellas”. Unha liña de actuación que se concreta en actividades como o seminario internacional “Estudos Galegos/Estudos Ibéricos. Alén das fronteiras”, celebrado en Compostela en 2014, no que se revisou o interese e atractivo que tiñan o ensino destas linguas noutras partes do mundo e que supuxo o fito de xuntar por primeira vez aos responsables dos centros encargados da difusión das linguas e culturas ibéricas: o Etxepare, o Llul, Camões e o CCG. Máis recentemente, en 2015, tivo lugar un congreso que revisou a relación entre as figuras de Ramón Piñeiro e Koldo Mitxelena no centenario dos seus nacementos.

Descarga a publicación Poetas Itinerantes