----

Unha xornada do CCG destaca os cambios que terá o ensino da literatura no vindeiro curso

No vindeiro curso académico entra en vigor o novo currículo educativo fixado pola LOMCE para lingua e literatura. Iso suporá que haberá cambios na forma de avaliar, pero tamén se eliminarán repeticións nos contidos entre o castelán e o galego e viceversa. Algunhas desas mudanzas abordáronse na xornada “O ensino da literatura”, que se desenvolve ao longo do día de hoxe no Consello da Cultura Galega, e que conta coa coordinación de Dolores Vilavedra e Teresa López.

A xornada tivo como punto de partida o marco legal no que se move o ensino da literatura, agora en pleno cambio tras a publicación este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) do currículo de lingua e literatura que entrará en vigor no vindeiro mes de setembro. Foi Noemí Álvarez Villar, asesora de Idiomas da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, quen defendeu o novo currículo amparándose no novo marco legal. “O novo currículo está moi baseado na lei anterior, a LOE, pero adaptado a un novo formato que lle marca ao profesorado unha maior concreción á hora de avaliar e ao alumnado unhas maiores competencias”. A outra gran novidade radica en que desde setembro se buscará un tratamento integrado das linguas dentro das aulas. “Isto quere dicir que evitaremos repeticións de contidos, algo do que se queixan habitualmente os pais, que un contido se ensina en castelán e en galego en lugar de traballar de xeito práctico” incidiu Noemí Álvarez.

A especialista en didáctica da lingua e da literatura da Universidade de Santiago de Compostela Isabel Fernández López fixo un estudo comparatorio entre as tres grandes leis educativas: a Lei Xeral de Educación de 1970, a LOGSE de 1990 e a LOMCE de 2013, no que afecta á literatura. Nel apuntaba que diminúe a presenza da literatura no currículo, ofreceu as súas dúbidas sobre o temario no que deixan de ter presenza os autores e as correntes, para gañar protagonismo os xéneros e onde os principais cambios positivos se centran na busca dunha maior diversidade de tarefas para traballar coa literatura na aula.

O marco social e económico
A xornada da mañá completouse cos arredores da literatura, é dicir, co punto de vista das empresas relacionadas coa lectura. Sven Huber, cofundador de Boolino, portal web especializado na comercialización de libros para público infantil e xuvenil, deu a coñecer o seu método, que “se basea en tres piares: bos libros, un traballo de divulgación de pais e gozar da lectura” e se concreta en recomendacións, vídeos e experiencias lúdicas arredor dos libros. Completaron esta sesión Xosé Manuel Moo, coordinador de edición educativa de Edicións Xerais de Galicia, e María Yáñez, cofundadora da empresa A Navalla Suíza.
A sesión da tarde está pensada para coñecer como lle afecta a contorna dixital a este tema, coas voces de dúas persoas especialistas na materia. Dunha banda, Laura Borrás, profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada (UB) e directora da Institució de les Lletres Catalanes. Da outra, José Rovira Collado, membro do Departamento de Innovación e Formación Didáctica da Universitat d´Alacant.

As experiencias prácticas
Pechan a cita as experiencias de Espazo Lectura, da man da súa presidenta, Concha Costas; da Editorial Galaxia, con Francisco Castro; e do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, con Paco Díaz, asesor de formación do ámbito lingüístico.
A Sección de Lingua, Literatura e Sociedade do CCG
Esta sección do Consello da Cultura Galega ten un carácter amplo de actuación que se concreta nunha liña de traballo moi variada. Nos últimos anos realizou dous grandes congresos sobre figuras destacadas da nosa cultura, como foi o caso de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, que, ademais, abriron unha nova forma de edición dixital. Canda esa actividade, tamén procura seguir atenta á situación do idioma desde diferentes puntos de vista. Agora presenta unha xornada que pretende descubrir outros aspectos da cultura lingüística, como é o caso da literatura no ensino, e está a ultimar, en colaboración coa Sección de Música e Artes Escénicas, unha xornada sobre a dobraxe en Galicia.