----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza o papel da literatura no ensino

Non é só unha materia curricular máis, a educación literaria consiste no ensino e na aprendizaxe dos coñecementos e habilidades que necesita un lector. Ademais, serve para iniciar ao estudantado na emoción da literatura, un mundo que logo percorrerán de xeito autónomo. Como se está a facer, ademais de coñecer outras alternativas, é o obxectivo dunha xornada que se desenvolverá o vindeiro xoves 2 de xullo no Consello da Cultura Galega (CCG). A cita, coordinada por Dolores Vilavedra e Teresa López, chámase “O ensino da literatura a debate” e está orientada principalmente ao profesorado, para o que se reserva o 70% das prazas.

Esta xornada pretende facer balance do lugar que vén ocupando a literatura nos curricula escolares e reflexionar sobre o seu ensino. Para a coordinadora da xornada, Dolores Vilavedra, é tamén “outra forma de abordar a cultura galega a través dun dos seus puntos fortes, como é a literatura, na que temos autores e creadores moi destacados e permítenos unha análise do ensino desde outra perspectiva”. A xornada desenvólvese nun momento importante xa que se está a redeseñar o currículo educativo, no marco da LOMCE, que alén da valoración permite tamén facer propostas de futuro. O formato escollido para esta cita é o dun foro de debate entre todos os axentes implicados no ensino, como son a Administración, o profesorado, especialistas en didáctica, as editoras…

O marco legal
A xornada comeza coa análise do marco legal no que se move o ensino da literatura. Para iso estará presente Noemí Álvarez Villar, asesora en materia de idiomas da Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Canda ela a especialista en didáctica da lingua e da literatura (USC) Isabel Fernández López. Modera Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega e profesora de Pedagoxía Social (UDC).

O marco social e económico
As implicacións sociais e económicas da lectura no ensino tamén teñen o seu lugar no marco da xornada, con relatorios reservados a coñecer que pensa o sector empresarial. É o caso de Sven Huber, cofundador de Boolino, portal web especializado na comercialización de libros para público infantil e xuvenil; Xosé Manuel Moo, coordinador de edición educativa de Edicións Xerais de Galicia, e María Yáñez, cofundadora da empresa A Navalla Suíza, completan este panel.
Xa na sesión da tarde analizarase como lle afecta a contorna dixital a este tema, coas voces de dúas persoas especialistas na materia. Dunha banda, Laura Borrás, profesora de Teoría da Literatura e Literatura Comparada (UB) e directora da Institució de les Lletres Catalanes. Da outra, José Rovira Collado, membro do Departamento de Innovación e Formación Didáctica da Universitat d´Alacant.

As experiencias prácticas
Pechan a cita as experiencias de Espazo Lectura, da man da súa presidenta, Concha Costas; da Editorial Galaxia, con Francisco Castro; e do Centro de Formación e Recursos de Pontevedra, con Paco Díaz, asesor de formación do ámbito lingüístico.
A Sección de Lingua, Literatura e Sociedade do CCG
Esta sección do Consello da Cultura Galega ten un carácter amplo de actuación que se concreta nunha liña de traballo moi variada. Nos últimos anos realizou dous grandes congresos sobre figuras destacadas da nosa cultura, como foi o caso de Rosalía de Castro e Álvaro Cunqueiro, que, ademais, que abriron unha nova forma de edición dixital. Canda esa actividade, tamén procura seguir atenta á situación do idioma desde diferentes puntos de vista. Agora presenta unha xornada que pretende descubrir outros aspectos da cultura lingüística, como é o caso da literatura no ensino, e está a ultimar, en colaboración coa Sección de Música e Artes Escénicas, unha xornada sobre a dobraxe en Galicia.