----

O presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, é investido Doutor Honoris Causa pola Universidade do Minho

A Universidade do Minho distingue esta tarde co seu grao de Doutor Honoris Causa en Historia a Ramón Villares, catedrático de Historia Contemporánea e presidente do Consello da Cultura Galega. Os membros da comisión científica do Senado Académico da Universidade portuguesa, por proposta do seu Instituto de Ciências Sociais, acordaron por unanimidade conceder esta distinción a Ramón Villares. Este recoñecemento concédese a “personalidades de mérito eminente, que se destaquen nos dominios da ciencia, da educación e da cultura, posuidores dun currículo de gran proxección internacional”.

O acto de investidura terá lugar ás 16:00 (hora portuguesa) no Salón Medieval da Reitoria da Universidade do Minho (Largo do Paço).

Ramón Villares
Ramón Villares é catedrático de Historia Contemporánea da USC dende 1987 e experto en historia agraria, historiografía e historia xeral de Galicia. Desde o ano 2006, é tamén presidente do Consello da Cultura Galega.

Foi decano da Facultade de Xeografía e Historia no período 1986-1990, reitor da Universidade de Santiago de Compostela entre 1990 e 1994, e membro fundador e presidente da Asociación Española de Historia Contemporánea (1996-2002).

Foi director en Galicia da Universidade Internacional Menéndez Pelayo (1997-2005) e, desde 2006, é membro numerario da Real Academia Galega. Tamén pertence a varios padroados de centros e de fundacións (Museo do Pobo Galego, Fundación Juana de Vega, Fundación Luís Seoane ou Centro Galego de Arte Contemporánea, entre outros).

É autor de numerosas publicacións, entre as que destacan libros como La propiedad de la tierra en Galicia, 1500-1936 (Siglo XXI Editores, Madrid, 1982); Foros, frades e fidalgos, Estudos de historia social de Galicia(Edicións Xerais, Vigo, 1982); Galicia. A Historia (Editorial Galaxia, Vigo, 1984); Figuras da nación(Edicións Xerais, Vigo, 1997); El mundo contemporáneo, siglos XIX y XX (Editorial Taurus, Madrid, 2001) ou Fuga e retorno de Adrián Solovio. Sobre a educación sentimental dun intelectual galeguista (Fundación Otero Pedrayo/Real Academia Galega, 2007). Xunto con Javier Moreno Luzón, é autor de Restauración y Dictadura, que se integra na colección Historia de España (Crítica/Marcial Pons), que codirixe con Josep Fontana.
Na súa faceta investigadora destaca ter dirixido máis de vinte teses de doutoramento, investigador principal de sete proxectos, ter participado en numerosos comités de avaliación de programas de entidades como DGICYT, Xunta de Galicia, AGAUR de Cataluña ou o FYCIT de Asturias. Foi consultor externo de entidades como o Instituto de Ciencias Sociais (Universidade de Lisboa) desde 1999 ata 2010. Realizou estadías de investigación na Università di Bologna (1989) e na EHESS de París (2001).

É membro do consello asesor de revistas como Ayer, Historia Social, Hispania, Ler História ou Análise Social e de editoras como Marcial Pons ou Ediciones de Historia.