----

O Consello da Cultura celebrará cun amplo programa de actividades o centenario das Irmandades da Fala

O Consello da Cultura Galega realizou no serán deste xoves unha sesión plenaria na que aprobou a organización dunha grande homenaxe ás Irmandades da Fala con motivo do centenario da súa constitución, que terá lugar en 2016. Isto concrétase na celebración de tres seminarios e unha exposición, que supoñen unha revisión dos presupostos ideolóxicos e a contextualización deste movemento. Na sesión deuse a coñecer o redeseño da plataforma web culturagalega, que estreará dominio .gal, e a incorporación ao máximo órgano de decisión do CCG do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, como membro nato.

No número 38 da rúa Real da Coruña creáronse en 1916 as Irmandades da Fala. A casa dos irmáns Vilar Ponte (Antón e Ramón) acollía o nacemento dunha entidade que destacou pola defensa e uso do galego en todos os ámbitos e por ser a cerna do nacionalismo político galego. O Plenario do Consello da Cultura Galega acordou onte organizar un programa de actividades que se estende entre 2016 e 2018 en paralelismo coa notable expansión que as Irmandades da Fala amosaron entre 1916 e 1918. O programa aprobado servirá para facer unha revisión dos seus presupostos ideolóxicos e situalos no contexto español, europeo e tamén na súa relación co mundo da emigración. A fórmula escollida e é a de varios seminarios de carácter internacional que culminarán cunha exposición de gran poder simbólico.

A celebración do centenario
O primeiro seminario terá lugar en 2016 e, baixo a coordinación de Xosé Manuel Núñez Seixas, profesor da Universidade de München e da Universidade de Santiago de Compostela, analizaranse as Irmandades da Fala en clave europea co estudo das nacionalidades da época de entreguerras. A segunda cita internacional terá lugar en 2017 para afondar na cultura e política da España do primeiro terzo do século XX. O terceiro e último seminario terá lugar en 2018 e centrarase na relación das Irmandades da Falar coa emigración cara a América.
O programa rematará en 2018 cunha exposición que pretende xuntar esta celebración con outra efeméride: a do setenta aniversario do soado discurso político de Alfonso Castelao coñecido como “Alba de Gloria”, pronunciado o 25 de xullo de 1948 en Bos Aires. Esta exposición pretende amosar as sesenta e catro personalidades que Castelao cita nesa alocución como as grandes figuras da historia de Galicia.

As Irmandades da Fala
Os irmáns Vilar Ponte, Losada Diéguez, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas foron as cabezas visibles dun movemento que demandou a galeguización plena da sociedade. Tras a constitución da primeira sociedade na Coruña, o movemento espallouse rapidamente por toda Galicia. No transcurso da súa acción deron conferencias e promoveron a actividade editorial nas principais cidades galegas, que se concreta en iniciativas como Céltiga en Ferrol, Lar na Coruña, Alborada en Pontevedra. Crearon a revista A Nosa Terra, que foi o seu medio de comunicación desde o que deron a coñecer os seus ideais.

No ámbito político, as Irmandades defenderon unha "autonomía integral" dentro dunha federación ibérica en igualdade de relacións con Portugal, o ingreso das nacionalidades da península na Liga das Nacións, a desaparición das deputacións e a constitución dun Parlamento e dun Goberno propios que exerzan o poder galego. Da súa primeira reunión conxunta, que tivo lugar en Lugo en 1918, sae un manifesto considerado o documento fundacional do nacionalismo galego.

Redeseño da plataforma culturagalega
No marco da sesión plenaria tamén se deu a coñecer a nova versión da plataforma culturagalega, que estará operativa a partir da segunda semana de abril. O redeseño supón o cambio ao novo dominio .gal, un novo deseño adaptado ás pantallas móbiles (smartphones e tablets) e que, ademais, simplifica e fai máis visual o constante ritmo de actualización da plataforma. Así mesmo, o redeseño permitirá a lectura e a consulta de xeito máis amigable de historias en profundidade, destinadas a audiencias máis amplas.

Román Rodríguez, membro do Plenario
A sesión plenaria supuxo a incorporación ao máximo órgano de decisión do CCG do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, como membro nato tras o seu nomeamento o pasado 10 de febreiro. Era a segunda visita de Rodríguez como conselleiro ao CCG, xa que estivo na sede da institución o pasado 3 de marzo.