----

Unha xornada do Consello da Cultura analizará fórmulas que faciliten os estudos artísticos no bacharelato e na ESO

No vindeiro curso académico 2015-2016 entran en vigor os novos plans da ESO e do bacharelato fixados pola LOMCE, que buscan favorecer eses alumnos que tamén cursan ensinanzas reguladas de música e danza. Non é unha cuestión menor, xa que afecta a preto de 8600 alumnos de toda Galicia. Coñecer a situación así como a especificidade dos ensinos artísticos é parte do obxectivo da xornada “Os currícula escolares nos novos plans de estudo: música e artes escénicas”, que se desenvolverá o vindeiro día 25 de marzo no Consello da Cultura Galega. Está aberto o prazo de inscrición e hai cen prazas.

No curso 2012-2013 estaban matriculados en Galicia 8158 alumnos no ensino regulado de música e 343 no de danza. Moitos deles simultanean estes estudos coa ESO e o bacharelato, o que lles supón unha sobrecarga de clases e deberes. Unha situación que pretende paliar a LOMCE, cuxos calendarios de implantación se farán efectivos a partir do vindeiro curso escolar. Juan Durán, Eva Faraldo e Inma López Silva, membros da Sección de Música e Artes Escénicas, coordinan unha xornada que pon sobre a mesa a problemática e que ao tempo reivindica a importancia do ensino artístico.

Para poñer de manifesto a importancia dos estudos artísticos, o profesor Víctor Pliego de Andrés falará da música como material e vehículo educativo, mentres que Elna Matamoros, bailarina do Centro Nacional de Danza, abordará o estudo da danza desde o punto de vista da integración e da especialización. As cuestións lectivas que permiten afondar no coñecemento da situación curricular recaerán en Francisco Luis Lemes, responsable do Servizo de Ensino Artístico do Goberno de Canarias, que ofrecerá un relatorio titulado “A integración das ensinanzas artísticas coas ensinanzas de réxime xeral: cara a un novo modelo de especialización curricular”. Canda el, a directora de Servizos Culturais do Institut del Teatre de Barcelona, Mercè Saumell, abordará as “Ensinanzas de artes escénicas no Estado español: escolas integradas de secundaria e Educación Superior no marco da LOMCE”.

A sesión pecha cunha mesa redonda moderada por Luís Costa na que participan todos os relatores da xornada.

Antecedentes
A Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega xa abordara esta materia. Foi en 1999 cunha serie de iniciativas encamiñadas a coñecer como funcionaba un centro integrado de música. Daquela analizáronse dous modelos (A escola profesional de Viana do Castelo e a Manglerud Viderenganende Skole en Oslo), despois tivo lugar a xornada “Eduación musical (O centro integrado de música)” e a elaboración dun proxecto técnico sobre a viabilidade de crear en Galicia un centro de similares características aos estudados. Agora, ante o feito de actualidade da implantación do calendario da LOMCE, a Sección de Música e Artes Escénicas pon sobre a mesa de novo o debate pero coa necesidade de reflexionar e propoñer accións encamiñadas a poñer en valor o ensino artístico no marco do sistema educativo.