----

O presidente do Consello da Cultura conclúe mañá a súa viaxe a Brasil cunha conferencia no Instituto Cervantes de São Paulo

Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, remata mañá unha viaxe a Brasil co obxectivo de contribuír a difundir a cultura galega no exterior. Hoxe participa no acto de nomeamento da escritora de orixe galega Nélida Piñón como directora da Cátedra José Bonifácio do Centro-Iberoamericano (CIBA-USP). A última cita da axenda prevista terá lugar mañá cunha conferencia sobre o patrimonio galego da emigración na sede do Instituto Cervantes de São Paulo.

Esta viaxe institucional sitúase nunha liña de traballo de divulgación exterior da cultura galega no exterior e na que o CCG leva traballando nos últimos tempos. O presidente Villares participa hoxe no acto de nomeamento da escritora de orixe galega Nélida Piñón como directora da Cátedra José Bonifácio do Centro-Iberoamericano, un centro de referencia constituído en homenaxe ao patriarca de independencia do Brasil, José Bonifácio de Andrada e Silva. A cátedra foi creada para estimular a xeración e diseminacións de coñecemento sobre Iberoamérica través da contribución de convidados estranxeiros ilustres e contou co ex-presidente de Chile, Ricardo Lagos, como o seu primeiro director.
Alén de contactos con institucións culturais brasileiras e con colectivos da emigración galega, o presidente remata mañá a súa viaxe cunha conferencia sobre o legado da emigración no Instituto Cervantes.

Conferencias e a exposición Os adeuses
A viaxe comezou o pasado luns en Río de Xaneiro, onde asistiu á inauguración de Os adeuses, a exposición que amosa os últimos momentos da emigración galega cara a América dos anos cincuenta do século pasado. A chegada de Os adeuses a Brasil ten especial relevancia xa que este país xunto con Uruguai foron os principais países de acollida dos nosos emigrantes nos anos cincuenta. Década que retrata esta mostra, que se poderá ver ata o 15 de abril na sede de Río de Xaneiro do Instituto Cervantes. Organizada polo Consello da Cultura Galega e o Centro Galego de Artes da Imaxe, Os adeuses pon rostro á que foi a grande epopea da emigración galega e que abrangue case dous séculos da nosa historia máis recente. A exposición selecciona parte do inxente arquivo do fotógrafo Alberto Martí para presentalo en tres partes: “A partida”, centrada nos retratos dos emigrantes a piques de marchar; “A chegada”, na que se amosan os encontros dos retornados; e “Santa María”, que documenta o suceso do coñecido transatlántico que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano. A maior parte destas imaxes permaneceran ata o momento inéditas e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí. Un material que, segundo recoñeceu o propio fotógrafo, está composto por millóns de negativos, froito de anos de carreira.

A exposición tamén permite apreciar a política migratoria española da época, que, a través de organismos oficiais (Instituto Español de Emigración) ou privados (Comisión Católica de Emigración), tentaba subsidiar ou “asistir” as saídas e as chegadas dos emigrantes. Uns galegos anónimos, pero fundamentais para entender a historia colectiva da Galicia do século vinte. A exposición chega a Río de Xaneiro tras a súa estadía en São Paulo e continuará o seu periplo por Brasil.
Ademais, nesta viaxe pronunciou unha conferencia na Universidade Salgado de Oliveira en Niteroi (Río de Xaneiro) sobre a recuperación do patrimonio e o Arquivo da Emigración Galega.

Acción exterior
A viaxe encádrase dentro da liña de Acción Exterior que desenvolve o Consello da Cultura Galega. Área marcada por unha intensa actividade institucional que se concreta en convenios de colaboración con distintas universidades estranxeiras, outras institucións como a London School of Economics, encontros, conferencias, exposicións ou publicacións co obxectivo de contribuír a difundir e poñer en valor a cultura galega.