----

O Consello da Cultura Galega presenta Gallaeciae Monumenta Historica, un proxecto para documentar a Galicia medieval

Coñecer os sucesos da Galicia medieval, seguir as historias dunha persoa concreta ao longo da súa vida ou descubrir como se chamaban algúns lugares hai uns séculos son algunhas das utilidades prácticas de Gallaeciae Monumenta Historica. O proxecto, presentado esta mañá por Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, vicepresidenta da institución, e Manuel Gago, coordinador técnico do proxecto, pon na rede o corpus de documentación medieval de Galicia xunto cos textos de ámbito académico relacionados. O valor engadido deste traballo desenvolvido polo Consello da Cultura Galega radica no metaetiquetado da información, que permite a busca cruzada, coa que se pode coñecer a Galicia medieval a través dos seus protagonistas, as temáticas e os lugares aos que aluden.
O Consello da Cultura Galega presenta Gallaeciae Monumenta Historica, un proxecto para documentar a Galicia medieval

“Gallaeciae Monumenta Historica inscríbese no marco do mandato fundacional de preservar o patrimonio documental pero nun soporte actualizado, como vén sendo unha aposta estratéxica do Consello da Cultura Galega” explicou na presentación o presidente da institución, Ramón Villares. Unha das singularidades desta aplicación é que permite consultar as obras en liña, no idioma orixinal no que foron escritas (latín, galego e castelán) e facer buscas nelas por persoas, materias e topónimos. Isto é posible logo dun traballo técnico desenvolvido durante varios anos de “deconstrución e etiquetado do corpus documental que permiten ler de xeito transversal todos os textos”, segundo explicou Manuel Gago, coordinador técnico do proxecto. É dicir: podemos ler un diploma de Afonso X o Sabio preservado na colección documental de Mondoñedo, ou podemos localizar todos os diplomas que ten o sistema nos que figura. Tamén permite recuperar todas as referencias a maravedís ou á compravenda de terras antes do século XI, ou coñecer as referencias á vestimenta, á vida cotiá ou ao comercio.

Os contidos
Este proxecto é a continuación dunha liña de traballo iniciada nos noventa polo Consello da Cultura Galega coa colección editada en papel baixo o título“Fontes documentais para a historia de Galicia”. Dela inclúense un total de nove publicacións que suman máis de tres mil documentos. Entre eles destacan os Documentos da Catedral de Lugo. Século XV (1400-1500), que ilustran a actividade do cabido e do bispo lucense, algúns aspectos da vida diocesana e mesmo algúns dos moitos sucesos conflitivos do século XV; ou Os documentos do Tombo de Toxos (1038-1334), que son case 800 escritos, desde a crónica da fundación ata sinxelas relacións de bens pasando por solemnes privilexios reais. Canda eles inclúense O libro do subsidio (1500), documentación estatística que contabiliza as taxas pagadas pola Igrexa de Santiago ao Papa e ao Rei; o Minutario notarial de Pontevedra (1433-1435), un dos escasos exemplos conservados de libros notariais en Galicia, que reflicte a viveza da sociedade; O Libro de notas de Álvaro Afonso recolle o dinamismo urbano, os pequenos feitos do día a día, os negocios, a administración das entidades relixiosas e civís. Pola súa banda, o Libro de feudos e documentación medieval AHDS (1309-1470) recolle as homenaxes que permitiron a distintas familias de cabaleiros erguer castelos e sentar as bases do seu poder na Terra de Santiago. Os Fragmentos de notarios (Séculos XIV-XV) son dous mazos de escrituras de diferentes autores e cronoloxías procedentes de diversas notarías de Ourense, cunha gran riqueza e variedade de contido. Tamén se inclúe o Libro do concello de Santiago (1416-1422), que é o códice máis antigo que se conserva deste concello e que achega datos sobre a vida urbana: urbanismo, finanzas, exercicio da xustiza, seguridade pública, comercio. Esta primeira parte remata coa inclusión da Colección Diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo.

Ademais, entre os estudos académicos que se inclúen destacan Historia da escritura na Galicia medieval, de Beatriz Vaquero; A documentación notarial galega na Baixa Idade Media, de Mercedes Vázquez Bertomeu, ou A documentación eclesiástica galega, de José García Oro.

O proxecto incorporará no futuro novo material como poden ser as imaxes dixitais dos manuscritos orixinais ao tempo que permanece aberto a novas achegas.

Unha proposta de transcrición
Todo este corpus sobre o medievo galego está en latín, galego ou castelán. As diferentes denominacións foron sempre unha eiva para os investigadores, por iso, o Consello da Cultura Galega creou unha comisión para a elaboración das normas de edición da documentación de Gallaeciae Monumenta Historica coordinada por Rosario Álvarez e integrada por Ana Isabel Boullón, Paula Bouzas Rosende, Alexandra Cabana, Henrique Monteagudo, Francisco Pérez Rodríguez, Pilar Rodríguez, Beatriz Vaquero e Mercedes Vázquez Bertomeu. “Era necesario unha conciliación entre as diferentes ramas do saber para a transcrición e edición unificada” apuntou Rosario Álvarez na presentación do proxecto.

Colaboración institucional
Esta plataforma está desenvolvida e promovida polo Consello da Cultura Galega e contou coa participación e colaboración de institucións como a Real Academia Galega, o Centro Ramón Piñeiro (Xunta de Galicia), o Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento” do CSIC e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela.

Descubre Gallaeciae Monumenta Historica