----

O Consello da Cultura Galega lembra a figura de Sofía Casanova no centenario da Gran Guerra

Neste 2014 cúmprense cen anos do inicio da Primeira Guerra Mundial, tamén coñecida como a “Gran Guerra”. Unha cita que lle serve de pretexto á Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega (CCG) para lembrar a figura de Sofía Casanova. Faino coa proxección e coloquio do documental que recupera a historia desta reporteira de guerra que terá lugar en dúas cidades: o luns 14 no Centro Galego de Artes da Imaxe (A Coruña) e o martes 15 na sede do CCG (Santiago).

Sofía Casanova (A Coruña, 1861 - Poznan, 1958) foi unha reporteira na fronte oriental (na fronteira de Rusia e Polonia), desde onde escribiu crónicas que se publicaron no xornal ABC. Foi unha auténtica pioneira no seu traballo xornalístico e forma parte desas primeiras reporteiras esquecidas e invisibilizadas que estiveron preto dos campos de batalla. A súa historia recóllese no documental ficcionado elaborado por Marcos Gallego (Saga TV) que ten o título de “A maleta de Sofía” e que se proxectará en dúas sesións.
A primeira delas terá lugar o luns 14 na Coruña, no Centro Galego de Artes da Imaxe (Salvador de Madariaga, ás 20:00 horas). Tras a proxección haberá unha mesa redonda na que participan María Filipowicz-Rudek e Rosario Martínez Martínez.
A segunda sesión será o martes 15 na sede do Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, s/n, ás 17:00 horas). Ao remate da proxección haberá un coloquio a cargo de María Filipowicz-Rudek, o director da cinta (Marcos Gallego) e a profesora da USC Marta Pérez Pereiro.

O documental
O documental ficcionado “A maleta de Sofía”, dirixido por Marcos Gallego, aborda a inmensa tarefa vital, profesional, familiar e literaria de Sofía Casanova. A complexidade das súas ideas e posicionamentos na súa vida, o seu inmenso mundo de relacións e faladoiros, en Madrid, Polonia e en Galicia. O documental vai pasando por todos eles, situando a Sofía Casanova no seu percorrer vital, profesional, persoal, que permiten facer un repaso pola Europa convulsa do século XX. Unha viaxe iniciática que Casanova realizou sempre na compaña da súa maleta.