----

Mañá se presenta no Parlamento a edición en galego as Memorias sobre a Australia de Rosendo Salvado

O vindeiro venres 12 de decembro, Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, Alberto Núñez Feijoo, presidente da Xunta de Galicia e Pilar Rojo, presidenta do Parlamento de Galicia, presentarán (11:00 horas) no Parlamento a publicación Memorias históricas sobre a Australia. Trátase da edición en galego da publicación homónima escrita por Rosendo Salvado, na que recolle as súas vivencias en Australia, onde desenvolveu un asentamento misioneiro desde un revolucionario punto de vista en época colonial, baseado na educación e na defensa dos dereitos das comunidades aborixes.

A edición que mañá se presenta de Memorias históricas sobre a Australia supón a tradución ao galego dunha que viu a luz orixinariamente en italiano en 1851 (baixo o título Memorie storiche dell’Australia particolarmente della Missione Benedettina di Nuova Norcia e degli usi e costumi degli australiani). Dous anos despois foron publicadas en castelán e despois, en francés e inglés. A presentación contará coa presenza do vicepresidente da institución, Francisco Díaz-Fierros, que contextualiazará a relevancia de Rosendo Salvado a importancia desta edición.
A obra divídese en tres partes. Na primeira ofrece unhas notas sobre Oceanía en xeral nas que, segundo o propio Salvado “engadín ás miñas observacións particulares canto de importante teñen escrito os viaxeiros de máis sona, tales como Cook, D’Urville, Wilson, Rienzi, Mitchell, Grey, Lang, Leichhardt e outros”. Na segunda aborda a súa Misión de Nova Nursia, mentres que na terceira fala dos usos e costumes dos salvaxes. “Non fago máis que contar coa veracidade e exactitude dunha testemuña ocular canto vin e souben polos mesmos salvaxes” explica o autor no prólogo da publicación.

A figura de Rosendo Salvado
Rosendo Salvado foi un monxe bieito e bispo decisivo no proceso de colonización de Australia. Fundador da Abadía de Nova Nursia nun momento de apoxeo colonialista, destacou polo seu trato coas comunidades aborixes, baseado no respecto da súa identidade e dos seus dereitos.
O vicepresidente do Consello da Cultura Galega, o catedrático Francisco Díaz-Fierros, ten estudado amplamente o legado de Rosendo Salvado. Ademais do seu respecto polo outro, destaca da súa biografía a súa habilidade musical. Unha característica que lle abriu portas coa comunidade aborixe de Nova Nursia, ao tempo que lle permitiu facer composicións que o Consello da Cultura recuperou nunha publicación e nun concerto.

Rosendo Salvado no Consello da Cultura Galega
A presentación da edición en galego de Memorias históricas sobre a Australia pecha as actividades que ao longo deste 2014 o Consello da Cultura Galega celebrou a propósito da figura deste bispo. En abril tivo lugar un simposio internacional no que especialistas de diferentes disciplinas achegaron novas olladas sobre a importancia do seu legado. Canda a esta cita, a exposición “Rosendo Salvado: valedor do pobo aborixe” resaltou o talante decidido e arriscado do bieito galego nos seus primeiros contactos cos nativos, así coma o tacto, intelixencia e discreción con que realiza a inmersión na súa cultura e tradicións. A mostra inaugurouse en Compostela, posteriormente estivo no Mosteiro de Samos.

Non era a primeira vez que o Consello da Cultura Galega se achegaba á figura do tudense. A primeira vez foi no ano 2001, co gallo do centenario da súa morte, cunha exposición “Rosendo Salvado: o bispo dos sen alma”. Ademais, ten publicado a tradución ao galego da obra de George Russo, Lord Abbot of the Wilderness. The life and times of Bishop Salvado, onde ofrece un retrato da súa vida, obxectivos, logros, desafíos e fondas dificultades polas que pasou e a súa perseveranza. Ademais, presenta unha descrición detallada do traballo que desenvolveu a favor dos aborixes de Australia Occidental, os seus logros, puntos de vista e métodos.