----

A xornada “Bo uso e mal uso do mar” busca mellorar a relación da cidadanía co medio mariño

Os preto de 1500 quilómetros de costa que hai en Galicia evidencian a importancia que o mar ten no noso país. Conscientes desa relación, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo, a través do Campus do Mar, organizan unha xornada que pretende darlles ferramentas teóricas e prácticas aos futuros docentes para que ensinen sobre a necesidade dunha relación sustentable cos océanos. A cita chámase “Bo uso e mal uso do mar” e terá lugar mañá martes na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.

A xornada “Bo uso e mal uso do mar” está encamiñada a darlle competencias ao futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria que realice accións cos seus alumnos orientadas a mellorar a relación que a cidadanía ten cos océanos. Francisco Díaz-Fierros, coordinador da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega, xunto con Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra; Francisca Fariña, decana da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; Emilio Fernández Suárez, director do Campus de Excelencia Internacional e María M. Álvarez Lires serán os encargados de abrir esta cita.

A xornada pretende ser un primeiro achegamento dun programa sobre os usos do mar con conferencias e obradoiros prácticos. Nela búscase dar resposta a interrogantes como o significado da sustentabilidade nun contexto de cambio global, os problemas de contaminación das rías galegas ou como realizar unha intervención educativa nas aulas a favor da conservación dos océanos.

A xornada
Esta primeira cita está coordinada por María M. Álvarez Lires, profesora de Didáctica das Ciencias Experimentais, que será a encargada de ofrecer as conclusións ao peche dunha xornada artellada con base nas conferencias, actividades e obradoiros.
Os relatorios chegan da man de Raquel Costa, coordinadora do Kit educativo do Mar da Missão para a Extensão da Plataforma Continental Portuguesa, que ofrecerá unha conferencia titulada “Educar para unha sociedade máis azul”. Canda ela, o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus do Mar falará do “Percorrido pola outra crise: cambio global e sostibilidade dos océanos”. O outro relatorio chega a cargo doutro catedrático de Ecoloxía, Ricardo Beiras García-Sabell, que falará sobre o caso das rías galegas.

A dimensión práctica do seminario chega cunha actividade a cargo de Diogo Geraldes e Raquel Costa, que tratarán de evidenciar a integración da Ocean Literacy nas aulas de Educación Infantil e Primaria. Completa o programa o obradoiro “Mergúllate no Océano”, que se realizará na zona de laboratorios desa facultade.

A sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada de carácter didáctico entronca cunha liña de traballo recoñecida da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade encamiñada a elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza. Dentro desa liña de traballo encádrase o proxecto Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegas, así como a publicacións de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, De quen é o solo ou De quen é a auga editadas polo Consello da Cultura Galega. Esta sección está coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros.