----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo concienciará na importancia dos océanos

Galicia ten preto de 1 500 quilómetros de costa. Unha cifra que evidencia en si mesma a importancia que o mar ten no noso país. Conscientes desa relación, o Consello da Cultura Galega e a Universidade de Vigo organizan unha xornada que pretende concienciar a cidadanía da importancia da relación cos océanos. A cita chámase “Bo uso e mal uso do mar” e terá lugar en Pontevedra o vindeiro 25 de novembro.

A Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acollerá o vindeiro 25 de novembro unha xornada que ten un marcado fin didáctico. A cita está encamiñada a darlle competencias básicas ao futuro profesorado de Educación Infantil e Primaria que lle permita realizar accións cos seus alumnos en relación co uso da cidadanía cos océanos.

A xornada é un primeiro achegamento dun programa que pretende abordar aspectos relativos aos usos do mar con conferencias e obradoiros prácticos. Neles preténdese dar resposta a interrogantes como o significado da sostibilidade nun contexto de cambio global, os problemas de contaminación das rías galegas ou como realiza unha intervención educativa nas aulas a favor da sustentabilidade dos océanos.

A xornada do 25 de novembro
Esta primeira cita está coordinada por María M. Álvarez Lires, profesora de didáctica das Ciencias Experimentais, que será a encargada de ofrecer as conclusións ao peche dunha xornada artellada en base a conferencias, actividades e obradoiros.
Os relatorios chegan da man de Raquel Costa, coordinadora do Kit educativo do Mar da Missâo para a Extensâo da Plataforma Continental Portuguesa que ofrecerá unha conferencia titulada “Educar para unha sociedade máis azul”. Canda ela, o catedrático de Ecoloxía da Universidade de Vigo e director do Campus do Mar, falará do “Percorrido pola outra crise: cambio global e sostibilidade dos océanos”. O outro relatorio chega a cargo doutro catedrático de Ecoloxía, Ricardo Beiras García-Sabell que falará sobre os caso das rías galegas.

A dimensión práctica do seminario chega cunha actividade a cargo de Diogo Geraldes e Raquel Costa, que tratarán de evidenciar a integración da Ocean Literacy nas aulas de Educación Infantil e Primaria. Completa o programa o obradoiro “Mergúllate no Océano” que se celebrará na zona de laboratorios desa facultade.
Tanto a inauguración como a clausura da xornada contarán coa asistencia de Francisco Díaz-Fierros, coordinador da sección de Ciencia, Natureza e Sociedade do Consello da Cultura Galega; Juan Manuel Corbacho, vicerreitor do campus de Pontevedra; Francisca Fariña, decana da facultade de Ciencias da Educación e do Deporte; e Emilio Fernández Suárez, director do Campus de Excelencia Internacional.

A sección de Ciencia, Natureza e Sociedade
A organización desta xornada de carácter didáctico entronca cunha liña de traballo recoñecida da Sección de Ciencia, Natureza e Sociedade encamiñada a elaborar materiais e recursos didácticos en ámbitos da natureza. Dentro desa liña de traballo encádrase o proxecto Álbum da Ciencia, unha completa base de datos con biografías de científicos e científicas galegos, así como a publicacións de varias bandas deseñadas como O sabor das mazás, De quen é o solo ou De quen é a auga editadas polo Consello da Cultura Galega. Esta sección está coordinada polo profesor Francisco Díaz-Fierros.