----

Un seminario do Consello da Cultura evidencia complexidade de cuantificar as migracións

Emigrantes retornados, circulación de traballadores, estudantes do programa Erasmus… son moitas e moi variadas as tipoloxías de movementos que se agochan detrás das grandes cifras estatísticas. Por ese motivo, resulta moi complexo cuantificar o fenómeno das novas migracións. Esta foi a idea que se plasmou no seminario Novas mobilidades nun contexto de crise, coordinado pola profesora Laura Oso e que concluíu hoxe en Santiago. A cita ofreceu cifras e estudos de caso que permitiron evidenciar que Galicia ten un comportamento diferente ao do resto de España no que segue a ter moita importancia o rastro da emigración histórica.

Durante dous días sociólogos, demografos, antropologos e expertos en movementos migratorios puxeron sobre a mesa a complexidade desta realidade, a súa cuantificación, a súa tipoloxía, as súas actitudes e o estudo de casos concretos.

Da cifra á persoa
Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, destacou a necesidade de diferenciar conceptualmente as mobilidades das migracións, por mor de variables como a duración ou a creación de vencellos cos pais receptores. Tamén reflexionou sobre a emigración e a percepción social da mesma. Puxo o exemplo do anos 2005 e 2006, de máxima chegada de inmigrantes a España, nos que as persoas que tentaron chegar a España a través de Melilla saltando as vallas supuñan unha porcentaxe ínfima (arredor do 0,02% do total de inmigrantes nese período) pero que acaparaban o foco de atención mediática.

Sobre cifras falou Andreu Domingo, subdirector do Centro de Estudos Demográficos e profesor asociado no Departamento de Xeografía da UAB. Ofreceu unha tipoloxía e estimación de magnitudes á luz das fontes estatísticas. Segundo as súas cifras a taxa de emigración en Galicia pasou do 30 por dez mil ao 36 por dez mil en catro anos (2008-2012, mentres a taxa da emigración en España pasa do 72 ao 92 por mil nese mesmo período). Na súa opinión as cifras evidencian a pegada que a historia da emigración galega desempeña nos novos fluxos migratorios. Por unha banda, se os españois emigran cara Reino Unido, Francia ou Estados Unidos ou Alemaña, no caso galego aparecen xunto aos paises europeos outros destinos como Venezuela, Arxentina ou Brasil antigos destinos da emigración do século pasado.

Na sesión da tarde, as profesoras da Universidade da Coruña Obdulia Taboadela e Antía Pérez foron as encargadas de poñerlles rostros as cifras deixando de manifesto que detrás das grandes cifras do INE, a única fonte estatística oficial, non se reflexa a realidade. Elas buscaron poñerlle voz e perfiles concretos a esa gran magnitude a través de varios estudos de caso. Obdulia Taboadela debuxou as migracións motivadas polo estudante que participan no programa Erasmus, que concluía que os estudantes cunha estadía no estranxeiro teñen máis facilidades para atopar traballo. Canda ela, Antía Pérez trazou o perfil da emigración española en Alemaña. Pola súa banda, Ildefonso de la Campa Montenegro, ofreceu un perfil das mobilidades a través dos datos recollidos nos centros galegos de diferente países.

Das cifras ás políticas
“É necesario coñecer as cifras e as tipoloxías dos galegos para poder instrumentar as políticas públicas nesta materia” apuntou Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral de Emigración no transcurso da súa intervención. Foi rotundo ao afirmar que “non estamos vivindo un novo ciclo migratorio de cara o exterior e moito menos na liña da emigración vivida no século pasado”. Presentou cifras do INE que aseguran que entre 2009 e 2014 descendeu o número de galegos nados en Galicia que viven no exterior (do 41% ao 31%), pero que se incrementou a de galegos nados no exterior que emigraron cara outros países (do 58% ao 68%).

Desde un punto de vista científico, Jorge Malheiros, profesor do Instituto de Geografia e Ordenamento do Território da Universidade de Lisboa, analizou repostas e comportamentos políticos ante os movementos migratorios. Na súa análise destacou a falta de flexibilidade da lexislación laboral e a tendencia a promover unha mobilidade de persoa altamente cualificada e con alto poder adquisitivo (taxas diferenciadas para estudantes Erasmus).

Por último, Laura Oso, coordinadora desta cita, apuntou que “este é un inicio para seguir traballando” De feito, o debate terá continuidade no vindeiro ano cando se afondará nesta materia con grande relevancia social á luz dos datos e casos ofrecidos.