----

O Observatorio da Cultura Galega constata o ascenso de alumnos no ensino de ámbito cultural

O ensino de ámbito cultural (música, danza, artes escénicas e artes plásticas e deseño) a todos os niveis (elemental, grao medio e superior) ten moita demanda. Entre 2007 e 2013, medrou o número de alumnos matriculados en todos os estudos regrados, agás no caso das artes plásticas e deseño. Así se desprende do Documento de Traballo (OCG-DT) O ensino cultural en Galicia, que elabora o Observatorio da Cultura Galega (OCG), unidade dependente do Consello da Cultura Galega. Este documento tamén aborda datos de financiamento e gasto público no ámbito educativo.

A música é o ámbito cultural que xera unha maior demanda formativa por parte da cidadanía galega. No curso 2012-2013, houbo matriculados nos ensinos elementais, profesionais e superiores 8158 alumnos. A maior parte deles no ensino elemental (4092) , seguidos polos de grao medio (3445) e, por último, os de grao superior (621). Entre o curso 2008-2009 e 2012-2013, incrementouse o número en 41 alumnos. O seguinte ámbito do ensino regrado con maior número de alumnos é o de danza, que sufriu un incremento maior nese período de referencia. Pasou de 264 alumnos no curso 2007-2008 a 343 en 2012-2013.

Ciclos formativos non universitarios
Nas ensinanzas de réxime especial hai unha disciplina que amosa unha tendencia á baixa, que é a dos ciclos formativos de grao medio de Artes Plásticas e Deseño, nos que o número de matriculados amosa unha tendencia á baixa nos últimos cinco cursos, coa excepción do curso 2011-2012. Todo o contrario do que sucede co grao superior, que acumula curso tras curso un maior número de alumnos, ata acadar as 663 matrículas. No caso das Artes Escénicas, entre o curso 2011-2012 e o seguinte pasouse de 171 a 163 alumnos, unha baixada dentro dunha tendencia á alza que arrincou no curso 2008-2009 con 114 alumnos e que haberá que agardar a vindeiros anos para ver se se confirma.

En Galicia hai un amplo abano de especialidades de estudos superiores de Artes Plásticas e Deseño, aínda que son dúas as que lideran as preferencias do alumnado: o deseño e a conservación e restauración de bens culturais.

Bacharelato
No que atende ao bacharelato, incrementouse o número de matriculados na modalidade artística entre 2008-2009 e 2012-2013. Pasouse de 1010 alumnos a 1399; con todo, segue a supor un 4,1% do total de alumnos matriculados neste nivel de ensino. Unha porcentaxe semellante á que acontece na Formación Profesional nos ciclos formativos relacionados coas artes.

Ámbito universitario
Se no grao elemental se constataba un incremento de alumnado, no ámbito universitario a tendencia é contraria. Entre os cursos 2010-2011 e 2013-2014 pasouse de 5319 alumnos a 5087. Nese período tituláronse 820 persoas no curso 2009-2010, 895 en 2010-2011, 898 en 2011-2012 e 1128 no curso 2012-2013. É a Universidade de Santiago de Compostela a institución que máis títulos expide nestes ensinos, seguida da de Vigo e da Coruña. Tomando como referencia o curso 2013-2014, o documento aprecia que existe un desfasamento entre oferta, demanda e matrícula. En Santiago e A Coruña existe unha maior oferta que demanda, mentres que en Vigo acontece ao revés. O documento de traballo analiza tamén os alumnos do programa ERASMUS. Só un 1,8% dos alumnos ERASMUS (34 de 1863) de Galicia cursaron estudos de ámbito cultural no curso 2012-2013.

Ensino por xénero
No desagregamento por xénero, vemos que existe unha preferencia por este tipo de ensinanzas por parte das mulleres, unha demanda que chega ata o 90% no caso da danza. A excepción está no alumnado matriculado en ensino de réxime especial, en ciclos formativos de Artes Plásticas e Deseño de grao medio, no que, no curso 2012-2013, as mulleres supuxeron o 36% do alumnado.

O profesorado e os centros
Na serie temporal analizada entre 2007 e 2014 constátase un incremento do profesorado das ensinanzas regradas, sendo a de música a que acapara o maior número de docentes. En Galicia, supoñen o 78,5% dos docentes deste ensino artístico.
Por centros, na actualidade en Galicia existen 170 centros que imparten ensinanzas artísticas de música, danza e arte dramática, dos cales 59 imparten ensinanzas regradas: 48 de música, 6 de artes plásticas e deseño, 4 de danza e 1 de arte dramática. O 67,1% destes centros son públicos.

O gasto no ensino cultural
No tocante ao financiamento e gasto público en ensinanzas culturais, os gastos de persoal absorben o 91,2% do capital, a maior parte do desembolso.
O gasto efectuado pola Xunta de Galicia nas ensinanzas culturais comezou a descender en 2009, ano que se converte no punto de partida dunha tendencia á baixa que perdura ata a actualidade e que se estende a todo o conxunto das ensinanzas.


Consulta o documento de traballo na nosa
mediateca