----

O Observatorio da Cultura Galega destaca o descenso do consumo televisivo en Galicia

O 92,3% dos galegos confesa ver a televisión todos os días. Con todo, o consumo televisivo descendeu levemente en Galicia con respecto a 2012. Son 15 minutos diarios menos o tempo que os galegos confesan pasar diante da pequena pantalla. A expansión de Internet, a nosa particular demografía e as características socioeconómicas da estrutura poboacional galega condicionan o uso da radio e da televisión. Sobre estas cuestións céntrase Televisión e radio en Galicia, un Documento de Traballo elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega.

A transformación do modelo televisivo, marcado principalmente pola a implantación da TDT, derivou unha ampla oferta que fixo que mudasen os hábitos da poboación galega con respecto a este medio. Neste contexto, o Observatorio da Cultura Galega (OCG) acode ao Estudio General de Medios (EGM) e aos diferentes anuarios das artes escénicas, musicais e audiovisuais (SGAE).

A televisión
Case a totalidade dos galegos e galegas (92,6%) declara ver a televisión todos os días. Pero o consumo televisivo amosa unha tendencia á baixa. A cifra descendeu do 97,6% do bienio 2006-2007 ata o 92,3% no período 2010-2011. E entre 2013 e 2010, os galegos e galegas dedicaron a esta tarefa 15 minutos menos ao día.

A cadea máis sintonizada no noso país, entre outubro de 2013 e maio de 2014, é Tele 5 (19,2% de share), seguida da Televisión de Galicia (13,9%), Antena3 (13,5%) e TVE-1 (11,2%). Con respecto á TVG, en 2008 foi líder de audiencia, posición que tamén ocupou na segunda onda de 2010. As televisións locais e V Televisión suman un escaso 1% de audiencia. O documento tamén da conta do peche de Popular TV en 2013.

Con respecto ao perfil de audiencia da TVG, o Observatorio da Cultura destaca que é maioritariamente feminina (supera o 58% do total), cun perfil de idade que supera os 65 anos (o 46% do total encádrase nesta franxa de idade), que vive en vilas pequenas de menos de 10 000 habitantes. Tomando como fonte o Anuario de las artes escénicas, musicales y audiovisuales de 2013 que elabora a SGAE, o Observatorio da Cultura analiza tamén que contidos xeraron unha maior demanda dos espectadores. Segundo esta fonte, os programas informativos son os que máis tempo ocupan na programación (un 42% fronte a un 39,6% de 2010). Descenden dun xeito notorio os espazos de ficción (un 16,6% en 2012 fronte a un 26,9% de 2010).

A radio
Case millón e medio de galegos declara escoitar a radio. Esta cifra sitúanos no quinto lugar con respecto ás comunidades autónomas, por detrás de Andalucía, Cataluña, Madrid e Valencia.
Son os galegos e galegas que teñen entre 35 e 44 anos os que máis escoitan a radio. A franxa de idade menos interesada por este medio son os mozos entre os 14 e os 24 anos.

Do millón e medio de oíntes de radio en Galicia, máis da metade (856 000) prefire escoitar emisoras temáticas. E, dentro deles, a maioría (o 54,4%, que se corresponde con 816 000 oíntes) prefire emisoras musicais.

O estudo tamén sitúa os oíntes por provincia. O 76% da audiencia da radio en Galicia chega da Coruña e de Pontevedra, sendo o consumo de radio máis reducida no interior.

Equipamentos e outras magnitudes transversais
O 99,7% da poboación dispón no fogar de equipamentos para ver a televisión e o 93,3% para escoitar a radio, que sofre un descenso á baixa. Descende tamén o gasto medio por fogar no subgrupo Outros bens e servizos: soporte a rexistro de son, imaxes e datos do INE, que cuantifica en 20,6 millóns de euros o descenso entre 2008 e 2012.
Relativas a estas cuestións, analiza o mercado laboral da radio e da televisión en Galicia entre outubro de 2008 e xuño de 2014, tomando como fonte as Afiliacións á Seguridade Social do IGE. Segundo este estudo, o mercado laboral sobe ata 2011, ano en que se produce un descenso acusado, dun 10,6%. No marco empresarial constátase o peche de sete empresas entre 2009 e 2013, que segue un comportamento semellante á tendencia estatal.

Descarga o documento aquí