----

Galicia é a novena comunidade en gasto público por habitante segundo un informe do Observatorio da Cultura

O Observatorio da Cultura Galega, servizo dependente do Consello da Cultura Galega, acaba de facer público o seu informe Gasto público en cultura. Un documento que analiza o destino e a natureza do gasto das diferentes administracións no eido cultural a partir dos datos do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas; das Entidades Locais, e do Instituto Galego de Estatística. Os principais datos que ofrece este documento constatan o descenso dos orzamentos destinados á cultura en todas as administracións (autonómica, provincial e local). No caso galego, esta baixada supón un 58% dos orzamentos da Xunta entre 2007 e 2014 e sitúa o gasto por habitante en 34,4 euros, o que nos sitúa no noveno lugar do conxunto estatal.

O descenso dos orzamentos é unha característica do financiamento das administración públicas desde os últimos anos. O informe Gasto público en cultura constata que o orzamento da Xunta de Galicia descendeu entre 2007 e 2014 un 12%. Agora ben, este informe evidencia que o recorte global se distribúe de xeito diferenciado entre as diferentes áreas e políticas. De tal xeito que se o descenso en sanidade é dun 6,64%, o de educación é un 11,18% o de cultura é un 58,40%.

Esta tendencia á baixa dos orzamentos é análoga a das outras administracións, tanto a local como a provincial. No caso da administración local supón unha baixa dun 28,9% (de 199 992 000 a 144 556 000 euros), e no das deputacións dun 25,9%, ambas cifras para o período de referencia 2010-2013.

No caso das administracións locais, a estrutura orzamentaria variou a partir de 2010, e comezou a ofrecer información máis detallada, por iso se toma en consideración este ano e non os anteriores.

Gasto real dos orzamentos
O estudo non só analiza os orzamentos senón tamén o gasto liquidado, é dicir, a execución real dos orzamentos. Neste sentido, o informe establece que en 2011 Galicia é, con 92 240 000 euros, a sexta comunidade con maior gasto público en cultura, por detrás de Cataluña (325 121 000), Andalucía (185 063 000), Valencia (158 971 000), Madrid (118 667 000) e País Vasco (108 186). No entanto, con estes orzamentos, o gasto medio por habitante sitúanos en novena posición, con 34,4 euros por habitante.
Na evolución da execución do gasto entre 2007 e 2011, foi 2008 o ano en que o gasto público en cultura acadou as máximas cotas, con 2 128 971 000, que pasou en 2011 a contabilizar 1 482 593 000 euros.

Entrando ao detalle deses datos, o informe destaca a dificultade de coñecer como se distribúe o gasto, principalmente polas diferentes formas que toma a Administración (axencias, empresas públicas.). Tendo en conta estas características, no ano 2011 a Xunta de Galicia destinou 94 240 000 euros, que executou nas seguintes partidas: 22 564 000 en bens e servizos culturais; 300 000 en artes plásticas, escénicas e musicais; 5 526 000 en libro e audiovisual, e 65 850 000 en actividades interdisciplinares (dos que 37 millóns foron para promoción e difusión cultural e 23 millóns para política lingüística).

O informe tamén estuda a desagregación das cifras na Administración local, diferenciando os concellos de máis de 5000 habitantes do resto. En Galicia, en 2011, había 116 concellos con esta poboación, nos que o gasto executado foi de 129 265 000 euros, que supón 55,3 euros por habitante. Con todo, a evolución do gasto da Administración local entre 2010 e 2011 descendeu un 17,7%. Esa tendencia negativa constátase en todas as epígrafes ás que se destina o orzamento e nas que hai unha excepción: artes escénicas. Entre 2010 e 2011, os concellos gastaron un 3,3% máis neste capítulo, co que se pasou de 5 733 000 a 5 931 000 euros.
Por último, na análise do control orzamentario, a Administración autonómica só presentou desviacións importantes en dúas anualidades, mentres que a Administración local gastou arredor dun 12% menos do orzamentado no último bienio estudado.

Cifras estatísticas para o gasto público
Neste informe, utilizáronse como fontes estatísticas a Estadística de Financiación y Gasto Público en Cultura, a Estadística de Liquidaciones de los Presupuestos de las Entidades Locales, as estatísticas de orzamentos do Ministerio de Hacienda y Administraciones Públicas e o Instituto Galego de Estatística.

Descarga o informe Gasto público en cultura