----

Octavio Vázquez: “Penélope é un poema con tanta forza que o importante era non terxiversar a súa esencia”

Esta noite o Círculo das Artes de Lugo estrea, no marco do Concerto das Letras Galegas, a versión para orquestra e coro de “Penélope” de Xosé María Díaz Castro. O seu autor, Octavio Vázquez (Santiago, 1972), explícanos as características deste traballo que lle encargou o Consello da Cultura Galega.
Octavio Vázquez: “Penélope é un poema con tanta forza que o importante era non terxiversar a súa esencia”

Octavio Vázquez leva 15 anos en Nova York e ten unha carreira profesional asentada no país americano. Acaba de ser nomeado profesor de composición e xefe deste departamento, da Universidade Nazareth College en Rochester (Nova York), traballo que compatibiliza coas encargas para institucións e formacións musicais así como co seu traballo de autoedición a través da súa empresa editorial, Conwell Publishing Group ASCAP.

Que opinión lle merece a solicitude de poñerlle música a “Penélope”, de X. M. Díaz Castro?
Maximino Zumalave e Marcelino Fernández, xerente do Consello da Cultura Galega, falaron comigo e contáronme a proposta. Teño que recoñecer que non coñecía o poema, era a primeira vez que o vía e pareceume fantástico porque en moi poucas liñas vin tanto e tan concentrado. Para min foi unha hora e encantado de facelo.

Que características tivo en conta á hora de crear esta composición?
Sendo un poema con tanta forza pensei que a miña parte, poñéndolle música, o máis importante é non terxiversar a esencia do que está alí. Tentar meterse dentro e sacarlle a música que xa estaba alí dalgún xeito, sen engadir nada. Sobre Díaz Castro lin máis, pero non tivo nada que ver co proceso creativo. Eu sinto que as obras, as que escribo eu e as que sigo doutros compositores, teñen unha vida propia que non é a do autor. Eu espero que as miñas obra sexan máis intelixentes ca min, é como ter un fillo, quero que teñan alma e vida propia. O papel do creador é máis ben sacarse do medio e deixar que exista por si.

Que dificultades ou retos lle supuxo?
Nese caso primeiro fixen a parte coral, que ten un sabor definitivamente galego e é unha música contemporánea, ten substrato de alalá, de música tradicional, que penso que a xente se vai sentir identificada con ela. Outra cousa é que todas as relacións de poética e de retórica musical, onde cada frase ou cada palabra do texto está reflectida na melodía, na harmonía para conseguir que todo encaixe.

Na parte orquestral, o gran hándicap era o espazo. O Círculo das Artes de Lugo é un espazo moi bo para cámara pero para orquestra e coro quedaba pequeno, e iso condicionaba a percusión. E fixen unha composición para un só percursionista, que é o mínimo instrumental, ocupa bastante lugar. Para min foi un reto facer que unha persoa soa tocase todo.

Vive en Nova York, pero está moi próximo á realidade cultural galega a través de encargas de diferentes entidades, como ve a situación da composición musical actual do noso país?
Desde que marchei vin que aquí se produciu unha revolución musical. Non había nin orquestras, e agora está a xente, había pouquísimos galegos que podían facer parte dunha orquestra profesional, foi importantísimo que toda esta xente que veu de fóra se enraizou aquí. Agora hai unha primeira xeración grande de músicos galegos, que tocan, que teñen nivel e que teñen opcións. Cando eu marchei eramos moi poucos e cada un sobreviviu como puido. Aínda que o resto está todo en sitio, vexo que falta unha escola de música galega a nivel internacional.