----

O CCG analiza a evolución do gasto cultural dos fogares galegos

Galicia ocupa o sexto lugar pola cola no Estado español no gasto medio por fogar en bens e servizos culturais, nun contexto de acusada disminución tanto en Galicia coma no Estado. Deste xeito, entre 2006 e 2012 as familias reduciron o seu gasto cultural nun 15.9% ata os 646 € ao ano, fronte a comunidades como Madrid, cun gastou moito máis elevado: 966.7 €. Así o revela o informe “Evolución do gasto cultural dos fogares galegos”, feito público polo Obervatorio da Cultura Galega.

Poden descargar o informe na Mediateca.

O Observatorio da Cultura Galega analizou a evolución do consumo cultural nos últimos anos no Estado español e en Galicia. “Cómpre salientar que o consumo global en bens e servizos culturais diminuíu de xeito significativo tanto no conxunto de España coma en Galicia”, sinala o informe, quen indica que o retroceso foi dun 19.9% nese período en España fronte a un 15.9% de Galicia. En 2012 os fogares galegos gastaron case 60 euros menos que no ano anterior, se ben a nivel español a reducción foi de 90 euros.

O gasto en bens e servizos culturais corresponde a libros non de texto, prensa, espectáculos, outros servizos culturais, equipamentos audiovisuais e informáticos e instrumentos musicais.

De feito, o 44% dos gastos en bens e servizos culturais teñen que ver con equipos e accesorios audiovisuais de tratamento de información e Internet, tanto en Galicia como a nivel español. No apartado de “Libros e Publicacións periódicas” en Galicia os fogares gastan de media seis euros máis que no conxunto de España, pero no ámbito dos servizos culturais, entre os que se conta a asistencia a espectáculos, cada galego gasta 7,5 € menos de media ca no conxunto de España.

Sen embargo, é precisamente no grupo de gasto “Libros e Publicacións periódicas” onde se produce a maior redución de gasto en 2012 con respecto ao 2011. En Galicia cae un 26.9%, que se traduce en 15.3 millóns de euros menos de gasto. Esta redución é máis acusada no libro “non de texto” que nas publicacións periódicas.

O informe sinala a contención dos prezos dos bens e servizos culturais durante estes últimos anos e a confianza crecente dos consumidores, que planifican realizar algún extra como ir ao cine ou teatro.