----

Escritores e investigadores debaten no CCG sobre trinta anos de novela negra en Galicia

Escritores como Domingo Villar, Manuel Forcadela, Bieito Iglesias, Diego Ameixeiras ou Miguel Anxo Fernández participarán mañá, xoves 6 de febreiro, nunha xornada de debate e análise sobre os 30 anos de novela negra en Galicia. A xornada conmemora o nacemento do xénero en lingua galega coa publicación de Crime en Compostela, de Carlos G. Reigosa, hai tres décadas. A inauguración está prevista para as 09.45 h. deste xoves 6 de febreiro.


Consulte o programa

“Nunha fase na que o xénero está a experimentar unha grande expansión e popularidade, o CCG abre un espazo de reflexión e análise sobre as particularidades dun modelo creativo que xa é moito máis ca un fenómeno literario”, aseguran as coordinadoras, Teresa López e Dolores Vilavedra.

Deste xeito, os escritores Manuel Forcadela, Bieito Iglesias e Carlos Reigosa falarán na mesa redonda “Viaxe á historia da novela negra galega“. A vindeira mesa redonda explorarán o policial alén do literario, con Alberto Guntín, director de desenvolvemento de Voz Audiovisual e editor de guión das series Padre Casares e Matalobos, Manuel López Poy, xornalista e guionista de BD e Miguelanxo Prado, autor de BD.

Pola tarde, a mesa redonda “Xénero negro: máis aló do estereotipo” abordará os límites e os discursos subxacentes á novela negra, coa profesora Elena Losada e as escritoras Dolores Redondo e Domingo Villar. E, para rematar, na mesa redonda “Crime, memoria e identidade” participarán os escritores Diego Ameixeiras e Miguel Anxo Fernández, canda a xornalista Montse Dopico.

A xornada poderá seguirse en directo desde o web do Consello da Cultura Galega (consellodacultura.org) e culturagalega.org