----

As Pontes de García Rodríguez acolle a exposición “Luces de alén mar. As escolas de americanos en Galicia" desde hoxe ata o 23 de xullo

A exposición “Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia”, promovida polo Consello da Cultura Galega (CCG), a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración, será inaugurada hoxe ás 20 horas no CEIP “Santa María” (Praza de América, s/n) de As Pontes de García Rodríguez (A Coruña). A mostra, que salienta o instrutivo compromiso solidario dos emigrantes galegos, permanecerá nese espazo ata o 23 de xullo. No acto inaugural intervirán: Valentín González Formoso, alcalde de As Pontes; Marcelino Fernández Santiago, xerente do CCG; Antonio Castro, concelleiro de Servizos e atención ao medio rural, e Vicente Peña Saavedra, comisario da mostra e profesor da Universidade de Santiago de Compostela.

A exposición “Luces de Alén Mar. As escolas de americanos en Galicia” ven subliñar a dimensión da efeméride do centenario fundacional das Sociedades Galegas de Instrucción radicadas en América e as súas realizacións académicas nas localidades de procedencia dos emigrantes galegos. O CEIP “Santa María” (antigo Grupo Escolar “Santa María”) de As Pontes de García Rodríguez, construido en 1929, é un exemplo, entre outros moitos, do compromiso dos emigrantes galegos coa súa terra natal.

Os 42 paneis, que dan conta do gran labor educativo promovido e sostido en Galicia polos seus emigrantes percorren o país “para dar testemuño, da conciencia, da determinación e do compromiso das sociedades de emigrantes e difundir, honrar e agradecer tan nobres e exemplares iniciativas: varios centos de escolas construídas nas décadas finais do século XIX e no primeiro terzo do século XX, que tanto contribuíron á mellora educativa e ao progreso cultural de Galicia e das súas xentes”, afirma Ramón Villares, presidente do CCG.

“Luces de Alén Mar”, comisariada por Vicente Peña Saavedra e documentada por Carolina García Borrazás e María Teresa García Domínguez, é unha nova contribución do Arquivo da Emigración Galega, do Consello da Cultura Galega, á recuperación e posta en valor da memoria e o legado dos emigrantes. Un labor no que o CCG contou coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Ata o momento a exposición puido contemplarse nos últimos días de xuño de 2012 no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela, coincidindo coas sesións de traballo do X Consello de Comunidades Galegas. En agosto de 2012 estivo na Casa Consistorial de Ortigueira. Do 6 de febreiro ao 28 de xuño de 2013 a mostra puido verse no Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) en Santiago de Compostela.

Máis información sobre As Escolas da Emigración e o proxecto do Arquivo da Emigración Galega do CCG para dixitalizar o legado dos emigrantes, con 318 escolas xa catalogadas, en:
http://mapas.consellodacultura.org/escolas/