----

O exministro de Xustiza, Francisco Caamaño, lamentou “a caída no olvido das políticas públicas impulsadas pola Lei da Memoria Histórica”

O exministro de Xustiza e deputado socialista Francisco Caamaño, defendeu a oportunidade da Lei da Memoria Histórica e lamentou que as políticas públicas que xenerou “estean hoxe en boa parte no olvido”. Caamaño interviú como relator no seminario internacional “Migracións e memoria histórica”, iniciado hoxe no Consello da Cultura Galega e organizado por esta institución, a través do seu Arquivo da Emigración Galega, e o Grupo de Estudos de Migracións e Memoria Histórica da Universidade da Coruña. A xornada foi inaugurada por Ramón Villares, presidente do CCG, e Antonio Izquierdo Escribano, coordinadores do programa, e Antonio Rodriguez Miranda, Secretario Xeral de Emigración da Xunta de Galicia. O primeiro relatorio estivo ao cargo de Aurelio Miras Portugal, Director Xeral de Migracións do Goberno de España, que falou sobre “As institucións e asociacións dos españois no mundo”. O seminario concluirá mañá, venres, coa intervención, entre outras, de Joaquín Garcíadiego, director do Colegio de México, e a presentación dos resultados da investigación sobre “Inmigración e memoria histórica” realizado polo xa citado grupo investigador da Universidade da Coruña.
O exministro de Xustiza, Francisco Caamaño, lamentou “a caída no olvido das políticas públicas impulsadas pola Lei da Memoria Histórica”

Francisco Caamaño, que falou sobre “A xestación da Lei da Memoria Histórica”, defendeu a oportunidade dese texto, a “Ley 52/2007, de 26 de deciembre, por la que se reconocen y amplían derechos y se establecen medidas a favor de quienes padecieron persecución o violencia durante la guerra civil y la dictadura”. Recordou que esa lei subliña o dereito de todos os cidadáns á reparación moral e á recuperación da súa memoria persoal e familiar e recoñece e declara “o carácter radicalmente inxusto de todas as condenas, sancións e calisquera formas de violencia persoal producidas por razóns políticas, ideolóxicas ou de crenza relixiosa, durante a Guerra Civil, así como as sufridas polas mesmas causas durante a Dictadura”.

O exministro de Xustiza no goberno socialista de José Luís Rodríguez Zapatero, falou das complicacións que supuxo a elaboración da lei “que pretendía vivir o pasado como pasado” e lamentou “o olvido” que agora a rodea. Referiuse asemade o catedrático de Dereito Constitucional da Universidade de Valencia á importancia da Disposición adicional 7 da lei, sobre “Adquisición da nacionalidade española”, que posibilitou ese paso a máis de cincocentos mil descendentes de españois residentes en Iberoamérica.
No mesmo panel, Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela e Investigador principal da Proxecto interuniversitario “Nomes e Voces” falou da necesidade de “facer xustiza co pasado, que non xudicializalo” e defendeu a necesidade “dunha memoria construída desde a democracia e o coñecemento histórico”.

Na sesión interviú tamén Carmina Escrigas Galán, da “Oficina de Asilo y Refugio de España”, do Ministerio do Interior, sobre “Recepción e acollida de asilados políticos na España democrática”.
Rodolfo García Zamora (Universidad Autónoma de Zacatecas-México) disertou sobre “Transnacionalismo e estratexias interxeracionais de mobilidade” e Fernando Devoto (Universidade de Buenos Aires) referiuse a “Emigrantes, exiliados, emigrantes. Os españois e a Arxentina nunha perspectiva a longo prazo”.
A sesión finalizou coas intervencións de Monserrat Golías Pérez e Raquel Martínez, investigadoras do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacioanis (ESOMI) da Universidade da Coruña, sobre “Os solicitantes de nacionalidade española: memoria e xeración”.

A SESIÓN DO VENRES 14

As sesións de traballo continuarán ao longo da mañá do vernes día 14, a partir das 9´30 horas, cos relatorios de Antonio Izquierdo Escribano, catedrático de Socioloxía da Universidade da Coruña, sobre “Cidadáns e memoria histórica”.
Luca Chao, investigadora do Equipo de Socioloxía das Migracións Internacionais (ESOMI) da Universidade da Coruña, referirase a “Os netos do exilio”.
Aurelia Álvarez, profesora titular de Dereito da Universidade de León, e Raquel Martínez, profesora de Socioloxía da Universidade da Coruña, falarán, respectivamente, do “Dereito de nacionalidade” e “As motivacións e oportunidades migratorias dos solicitantes da nacionalidade española” ao abeiro da Disposición adicional 7 da Lei da Memoria Histórica.
A conferencia de clausura, prevista para as 13 horas, versará sobre “O exilio español en México e as súas repercusións na cultura hispanoamericana” e será dictada por Javier Garcíadiego, director do Colegio de México.