A uns poucos metros do sartego onde, no Panteón de Galegos Ilustres, repousa Rosalía de Castro (1837-1885) os nenos e nenas cantores, dirixidos pola batuta de Maximino Zumalave e acompañados polo grupo de metais "Hércules Brass" (dous cornos, dúas trompetas, trombón e tuba), puxeron o seu saber e a súa emoción para converter en fermosas cantigas catro poemas escritos pola máis úniversal escritora galega. A escolla incluiu dous poemas de “Cantares gallegos”: “Rosa de abril” (partitura de Andrés Gaos) e “En Cornes” (partitura de Octavio Vázquez) e dous de “Follas novas”: “Maio longo” (partitura de José Baldomir) e “Negra sombra” (partitura de Juan Montes).
O acto foi presentado e conducido pola escritora Fina Casalderrey e acolleu tamén as intervencións de Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello da Cultura Galega, e de Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.
Á igrexa de San Domingos de Bonaval acudiron asemade o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Francisco Díaz-Fierros, e a Xerente da Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño, entre outras autoridades e representacións.
Outros datos e e as partituras da xornada “No bico un cantar. Nenos e nenas cantan a Rosalía” poden descargarse en: http://www.consellodacultura.org/rosalia2013/nenos_rosalia.php