----

UNHA VINTENA DE ARQUITECTOS CANARIOS ANALIZAN NO CONSELLO DA CULTURA O MELLOR DA SÚA OBRA

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará este xoves, venres e sábado, días 29 e 30 de setembro e 1 de outubro as xornadas "A Arquitectura desde Canarias". O encontro pretende ofrecer por primeira vez en Galicia unha visión ampla e desde diferentes perspectivas da arquitectura nesa Comunidade, polo que contará coa participación de máis dunha vintena de destacados arquitectos, críticos e investigadores canarios.

O obxectivo desta iniciativa, pioneira en España, é facer un retrato colectivo da heteroxénea realidade canaria. A súa arquitectura merece un achegamento singular dentro do contexto español pola súa forte integración na paisaxe e no territorio e por combinar a resposta a unha constante presión turística cun intento de modernidade e respecto ao entorno.

Profesionais como Manuel Feo, Rubens Henríquez, Juan Antonio González, Urbano Yanes e Félix Perera compartirán tres días de debate e reflexión sobre as súas traxectorias e postulados, tendo como marco xeral de traballo a riqueza e a variedade cultural deste territorio. A selección de participantes fíxose coa intención de ofrecer unha visión interxeracional, na que se dan cita figuras consagradas con novas promesas. Así, o último día das xornadas, o sábado, dedicarase unha homenaxe aos arquitectos Rubens Henríquez, Manuel Roca, Félix Juan Bordes, Agustín Juárez, Javier Díaz-Llanos e Vicente Saavedra, representantes dunha xeración de referenza.

O encontro, coordinado polo responsable da sección organizadora, Iago Seara, e o polo arquitecto Virgilio Gutiérrez, decano do Colexio de Arquitectos de Tenerife, desenvolverase na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela. Os interesados en acudir a este encontro teñen máis información, o programa e a posibilidade de inscribirse de balde na web da institución http://www.consellodacultura.org

PROXECTO PIONEIRO

Con estas xornadas, o CCG continúa o proxecto iniciado fai xa dous anos e que baixo o título "Arquitectura e Identidade Cultural" ofrece un achegamento á arquitectura de territorios españois e portugueses de especial significación cultural. En maio de 2003 celebráronse as primeiras xornadas, "A Arquitectura desde Lisboa", que pretenderon estreitar os lazos culturais co país veciño a través da reflexión sobre a arquitectura lisboeta. A esta edición, seguíronlle sucesivas xornadas sobre a arquitectura en Cataluña, País Vasco e Navarra, Madrid e Andalucía.

En cada un destes encontros, algúns dos máis destacados arquitectos e teóricos de cada territorio ofreceron un achegamento ordenado e metódico á súa traxectoria e á da arquitectura da súa comunidade. Figuras de recoñecido prestixio como Federico Correa, Mansilla & Tuñón, Josep Llinás, Juan Navarro Baldeweg ou Cruz & Ortiz expuxeron a súa obra xunto a novas xeración representadas por profesionais como José Morales e Cristina Díaz & Efrén García. Para dar conta da excepcional calidade destes creadores, de cada unha das xornadas, o Consello da Cultura Galega edita un cartel coas obras dos arquitectos participantes.

Este proxecto enmárcase no esforzo por divulgar entre o público galego a arquitectura, pero tamén como un paso máis no establecemento de novos lazos culturais e de elementos de referenza para continuar traballando na formación dos profesionais e investigadores da arquitectura en Galicia. Así, en cada unha das xornadas asisten máis de medio centenar de profesionais galegos, na súa maior parte arquitectos e estudantes da área.

VERSIÓN EN REDE

Froito deste encontro de escolas e xeografías xorde un rico retrato da arquitectura española e portuguesa, un proxecto pioneiro no estudo da arquitectura peninsular que unha vez rematado verá a luz nunha importante publicación. Como avance deste traballo, os interesados poden consultar na web da institución, en http://www.consellodacultura.org/identidade/ un amplo especial sobre o proxecto, cos carteis de cada territorio, información sobre a iniciativa e galerías con obras dalgúns dos seus profesionais máis relevantes.