----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA CELEBRA DESDE MAÑÁ AS XORNADAS "A ARQUITECTURA DESDE CANARIAS"

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) celebra este xoves, venres e sábado, días 29 e 30 de setembro e 1 de outubro as xornadas "A Arquitectura desde Canarias". O encontro pretende ofrecer por primeira vez en Galicia un amplo retrato da arquitectura nesa Comunidade, polo que contará coa participación de máis dunha vintena de destacados arquitectos, críticos e investigadores canarios. O acto de inauguración terá lugar ás 10:00 horas coa participación do presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, e cos coordinadores do encontro, Iago Seara e Virgilio Guitiérrez.

Profesionais como Manuel Feo, Rubens Henríquez, Juan Antonio González, Urbano Yanes e Félix Perera compartirán tres días de debate e reflexión sobre as súas traxectorias e postulados, tendo como marco xeral de traballo a riqueza e a variedade cultural deste territorio. A selección de participantes fíxose coa intención de ofrecer unha visión interxeracional, na que se dan cita figuras consagradas con novas promesas. Así, o último día das xornadas, o sábado, dedicarase unha homenaxe aos arquitectos Rubens Henríquez, Manuel Roca, Félix Juan Bordes, Agustín Juárez, Javier Díaz-Llanos e Vicente Saavedra, representantes dunha xeración de referenza.

O encontro, coordinado polo responsable da sección organizadora, Iago Seara, e o polo arquitecto Virgilio Gutiérrez, decano do Colexio de Arquitectos de Tenerife, desenvolverase na sede do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.

PROXECTO PIONEIRO

Con estas xornadas, o CCG continúa o proxecto iniciado fai xa dous anos e que baixo o título "Arquitectura e Identidade Cultural" ofrece un achegamento á arquitectura de territorios españois e portugueses de especial significación cultural. En maio de 2003 celebráronse as primeiras xornadas, "A Arquitectura desde Lisboa", que pretenderon estreitar os lazos culturais co país veciño a través da reflexión sobre a arquitectura lisboeta. A esta edición, seguíronlle sucesivas xornadas sobre a arquitectura en Cataluña, País Vasco e Navarra, Madrid e Andalucía. Nelas, figuras de recoñecido prestixio como Federico Correa, Mansilla & Tuñón, Josep Llinás, Juan Navarro Baldeweg ou Cruz & Ortiz expuxeron a súa obra xunto a novas xeración representadas por profesionais como José Morales e Cristina Díaz & Efrén García.

Este proxecto enmárcase no esforzo por divulgar entre o público galego a arquitectura, por seguir avanzando na formación dos profesionais galegos e por crear novos lazos culturais con outras comunidades. Así, en cada unha das xornadas asisten máis de medio centenar de profesionais galegos.