----

O CONSELLO DA CULTURA AFONDA NOS PIARES DO XORNALISMO CO ENCONTRO "A COMUNICACIÓN NO SEU TEMPO"

A Sección de Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG), celebrará a vindeira semana, os días 30 de xuño e 1 de xullo, o encontro "A Comunicación no seu tempo". As xornadas, que terán lugar en Santiago de Compostela, afondarán nos piares da historia da noso xornalismo coa participación dalgúns dos investigadores da comunicación e da cultura que máis traballaron nos últimos anos en España sobre a historia dos soportes comunicativos.

O obxectivo do encontro é o intercambio de opinións e liñas de traballo sobre a investigación en comunicación entre estudosos que avanzaron considerablemente neste proceso. Así, está prevista a participación de relevantes expertos na materia como Armand Balsebre, Timoteo Álvarez, Manuel Palacio, Javier Díaz Noci, Miquel Rodrigo Alsina, Jaume Guillamet e J.L. Gómez Mompart. Xunto a eles, participarán destacados xornalistas e investigadores galegos, como Xusto Beramendi, Víctor F. Freixanes, Marcos Valcárcel e Rosa Aneiros.

A elección destes investigadores fíxose coa convicción de que a pluralidade de ámbitos de estudo resulta tan determinante coma a pluralidade de olladas sobre as teorías e as metodoloxías dunha área. Só a posta en relación dos fenómenos locais con fenómenos producidos noutros espazos permitirá explicar dunha maneira global todos os chanzos que asentan o avance da historia da comunicación. As perspectivas histórica, profesional, lingüística, económica e social deben articularse para obter esta visión holística da comunicación.

ANÁLISE E PROPOSTAS

Durante dous días de traballo, os asistentes abordarán desde múltiples perspectivas e dun xeito actualizado os mitos da comunicación e a cultura, os marcos teóricos e metodolóxicos no estudo da comunicación e os avances da investigación nestas áreas. A evolución dos soportes ao longo do tempo e a historia da comunicación galega serán outros dos aspectos a abordar. Ademais de botar unha ollada reflexiva ao pasado, os investigadores tamén farán propostas de futuro, encamiñadas principalmente a avanzar na investigación en cultura e comunicación e a recuperar a historia da comunicación en Galicia.

O encontro, coordinado por Xosé López, Rosa Aneiros e Marcos S. Pérez, está dirixido principalmente a profesores, estudantes e investigadores galegos e de fóra interesados na comunicación e na cultura desde un punto de vista histórico. De todos os xeitos, a participación está aberta a todas aquelas persoas que desexen sumarse ás sesións. Máis información, programa e inscrición gratuíta en: http://www.consellodacultura.org