----

O CATEDRÁTICO MIGUEL DE AGUILERA ALERTA SOBRE O DESPRESTIXIO DA COMUNICACIÓN DE MASAS

O encontro "A Comunicación no seu tempo" comezou esta mañá no Consello da Cultura Galega analizando o desprestixio que rodea á comunicación de masas e aos seus produtos a pesares de ser os máis consumidos. Estas xornadas, que se celebran este xoves e venres en Santiago de Compostela, reúnen a destacados investigadores, como Armand Balsebre, Timoteo Álvarez e Javier Díaz Noci, para afondar nos piares da historia do Xornalismo.

Durante a presentación das xornadas, o coordinador da Sección de Comunicación do CCG e vicepresidente da institución, Xosé López, salientou que este encontro de traballo naceu coa idea de que "agora é o momento de reflexionar sobre o feito ata o momento na historia da comunicación e de prantexármonos os retos e as liñas que abordar no futuro". Neste senso, o catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Málaga, Miguel de Aguilera Moyano, comezou as xornadas denunciando "o desprezo social e científico e a permanente crítica á que está sometida a cultura de masas, cultura na que se inclúen os medios de comunicación".

MITOS

Aguilera salientou a incongruencia deste discurso, no senso de que a maior parte da poboación, na súa práctica cultural habitual, desfruta sobre todo de produtos a través dos medios de comunicación masivos, como a televisión, produtos que logo son criticados continuamente pola súa calidade. Esta situación atribúea á mitificación cultural que existe, na que se sigue falando de "alta cultura", de "cultura popular" e de "cultura de masas" dun xeito despectivo.

Xunto a esta mitificación cultural, o catedrático de Comunicación Audiovisual denunciou certa "mitificación tecnolóxica". Aguilera falou de "determinismo nos medios" porque á hora de estudar a comunicación faise máis fincapé nos factores tecnolóxicos e nas características do soporte que nas persoas que intentan comunicarse a través deles e nas mensaxes que queren transmitir. Estas "mitificacións", sinala, impiden abordar dun xeito rigoroso o estudo da comunicación de masas.

Por último, este experto salientou que "a televisión xa deixou de ser a raíña no estudo da comunicación no últimos anos" e agora xorden novos modelos e novos focos de interese ante a súa gran implantación social (desde Internet aos videoxogos).

A visión deste autor foi completada con apuntes metodolóxicos de Jaume Guillamet e J. L. Gómez Mompart. O encontro continuará pola tarde cun relatorio de Manuel Parés Maicas e Manuel Pinto sobre os desafíos da investigación en comunicación e cultura, e coa intervención de Armand Balsebre (radio), Manuel Palacio (tv), Javier Díaz Noci (Internet) e Miguel Rodrigo Alsina (papel), quenes exporán a historia dos soportes ao longo do tempo e a súa investigación.

Mañá venres, día 1 de xullo, as xornadas continuarán cunha análise das "Iniciativas para recuperar a historia da comunicación en Galicia", de Xusto Beramendi, Víctor Fernández Freixanes e Marcos Valcárcel. Pola súa banda, Nuria Simelio, Amparo Moreno e Timoteo Álvarez falarán sobre as "Perspectivas para a comunicación e a cultura no seu tempo" e Antonio Checa e Rosa Aneiros sobre as "Propostas para avanzar na investigación en cultura e comunicación. A intervención "Os avances na recuperación da memoria comunicativa desde diferentes ámbitos de estudo. Fortalezas e debilidades", de Josep M. Figueres, Javier Fernández Sebastián, Alberto Pena e María Cruz Seoane pechará o encontro.

UN PASO MÁIS

A participación destes destacados investigadores permitirá o intercambio de opinións e liñas de traballo sobre a investigación en comunicación entre estudosos que avanzaron considerablemente neste proceso en España. Así, o coordinador da Sección de Comunicación destacou que este encontro "supón un paso máis na recuperación da historia da comunicación".Con anterioridade, a Sección organizadora levou a cabo a edición facsímile de "El Catón Compostelano" e o estudo do xornal "Galicia" e dos artigos de Eduardo Blanco Amor e de Lorenzo Varela en diferentes publicacións. Continuando con esta liña, López anuncio a publicación a finais de ano dun amplo estudo sobre o protoxornalismo en Galicia, sobre os primeiros textos do xornalismo en galego.

- FOTOGRAFÍA, MÁIS INFORMACIÓN E PROGRAMA EN: http://www.consellodacultura.org