----

INVESTIGADORES E XORNALISTAS RECLAMAN A RECUPERACIÓN DA HISTORIA DA COMUNICACIÓN EN GALICIA

Os investigadores e xornalistas que participan este xoves e venres nas xornadas "A Comunicación no seu tempo", no Consello da Cultura Galega, abordaron esta mañá as perspectivas de futuro e as iniciativas necesarias para avanzar na recuperación da historia da comunicación en Galicia. Estas xornadas, organizadas pola Sección de Comunicación do CCG, reúnen a destacados investigadores, como Armand Balsebre, Timoteo Álvarez e Javier Díaz Noci, para afondar nos piares da historia do xornalismo.

Os profesores Víctor F. Freixanes, Marcos Valcárcel e Xusto Beramendi, salientaron a importancia de coñecer e estudar a evolución do xornalismo galego como unha parte importante da nosa memoria histórica. Así, o catedrático de Historia Xusto Beramendi, sinalou que "as iniciativas para recuperar a memoria no ámbito da comunicación, principalmente no referido ás publicacións, deben comezar por catalogar as cabeceiras existentes e por ver o seu estado de conservación".

Unha vez feito este inventario, Beramendi advirte de que é necesario proceder á dixitalización exhaustiva e sistemática dos fondos, para garantir a súa conservación e para que sexan accesibles para os investigadores e para o público en xeral. A futura Hemeroteca de Galicia, prevista na Cidade da Cultura, sinala, podería ser a encargada de levar a cabo este importante proxecto, pois "dotada dos recursos necesarios e ben dirixida podería ir máis aló dun mero almacén e converterse nun verdadeiro centro de coñecemento e promoción da historia da comunicación galega".

ABANO DE MEDIDAS

Outras medidas propostas por Beramendi foron a realización de campañas de recuperación de fondos agora en mans de particulares e desenvolver unha normativa que regule a cesión de fondos por parte dos medios ás institucións públicas correspondentes. Pero para que estas iniciativas de recuperación da memoria sexan efectiva, este historiador destaca que é necesario o traballo coordinado das institucións e a creación dun modelo xeral e unificado de análise que permita realizar unha interpretación correcta do material histórico.

O profesor e xornalista Marcos Valcárcel coincidiu con estas propostas e destacou, pola súa banda, a importancia de estudar dentro da historia da comunicación a literatura galega contidas nos medios de comunicación. Así, explicou como nas páxinas de cultura e nos suplementos culturais dos xornais galegos atópase unha parte moi importante da produción de grandes escritores galegos, como Manolo Rivas ou Carlos Casares, que merece a pena recuperar e estudar.

Todas estas iniciativas, sinala o profesor e coordinador da Sección de Literatura e Industrias da Edición do CCG, Víctor F. Freixanes, permitirán "explicar o mundo desde Galicia e non desde discursos procedentes de fóra". Freixanes fixo fincapé durante as Xornadas nas achegas da historia da comunicación á historia xeral de Galicia e destacou como o seu coñecemento permite construír e reconstruír a realidade do país. Na súa opinión, a comunicación é un observador privilexiado dunha sociedade, das súas tensións e da súa evolución, polo que debe ser aproveitado en todas as súas posibilidades.

PECHE DAS XORNADAS

As xornadas continuaron hoxe coas achegas dos investigadores da Universidade Autónoma de Barcelona Timoteo Álvarez e Núria Simelio, que ofreceron unha visión xeral sobre as perspectivas de futuro para a comunicación e a cultura. Timoteo Álvarez apostou por reiterpretar o pasado desde o novo e actual marco histórico e desde un punto de vista utilitario. Nesta tarefa, sinalou, "os investigadores en comunicación teñen que adquirir peso social e cultural, converterse en ferramentas útiles socialmente, respectados e eficaces no seu traballo".

Rosa Aneiros e Antonio Checa realizaron, pola súa banda, unha serie de propostas para avanzar na investigación en cultura e comunicación. Xa pola tarde, unha mesa sobre "Os avances en recuperación da memoria comunicativa desde diferentes ámbitos de estudo", na que participarán Josep M. Figueres, Javier Fernández Sebastián, Alberto Pena e María Cruz Seoane, pechará o encontro.

FOTOGRAFÍA E MÁIS INFORMACIÓN EN:http://www.consellodacultura.org