----

UNHA VINTENA DE ARQUITECTOS REFLEXIONAN NO CCG SOBRE A CRÍTICA DA ARQUITECTURA NOS MEDIOS

O Obradoiro de Crítica de Arquitectura Contemporánea que celebra desde este mércores e ata o venres a Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega continúa esta tarde en Santiago coa intervención de Llàtzer Moix, director da Sección de Cultura do xornal "La Vanguardia". O xornalista catalán falará a partir das 16:30 sobre a divulgación da arquitectura nos medios de comunicación, tendo en conta a súa experiencia profesional nun dos xornais de referenza en España.

O taller, no que participan unha vintena de arquitectos e historiadores galegos, ten un carácter eminentemente práctico e participativo e desenvólvese en horario de 16:30 a 20:30 na Biblioteca do CCG. O seu obxectivo é analizar entre os profesionais a necesidade de crear unha crítica arquitectónica calidade nos medios de comunicación.

O coordinador da Sección organizadora, Iago Seara, destaca a importancia de que os medios de comunicación adquiran o compromiso de divulgar a arquitectura nas súas páxinas, converténdose en mediadores entre o feito cultural e a sociedade en xeral. Para elo, sinalou, "é imprescindible a formación de olladas sensibles cara o feito arquitectónico como un feito cultural máis". Unha formación ata o de agora pouco coidada e á que o Consello da Cultura Galega quere contribuír coa organización deste taller.

Pola súa banda, o coordinador do obradoiro e profesor de Teoría e Historia de la Arquitectura da Universidade Politécnica de Barcelona, Maurici Pla, destaca a necesidade de que exista unha crítica real nos medios de comunicación, de que se rompa a "parálise e pereza" á hora de realizar críticas e que se baseen en argumentos sólidos e veraces. Mañá venres, o taller pecharase coa intervención de Francisco Jarauta, catedrático de Filosofía da Universidade de Murcia, que reflexionará sobre o concepto da crítica.

A proposta de realizar este obradoiro enmárcase dentro da concepción xeral de que a arquitectura do noso tempo, continuamente acompañada de discursos sobre ela, presenta unha vitalidade que excede a capacidade de análise dos instrumentos críticos tradicionais. Por elo, este obradoiro pretende dotar aos profesionais implicados dos recursos e coñecementos básicos e necesarios para abordar a crítica arquitectónica desde unha óptica de calidade e profesionalidade.

----- Máis información e fotografía do taller en: http://www.consellodacultura.org