----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA TRADUCE AO GALEGO AS LICENZAS CREATIVE COMMONS

A partir de hoxe, calquera internauta dispón en lingua galega da ferramenta máis estendida no mundo para a cesión de dereitos de autor. O Consello da Cultura Galega (CCG) realizou a versión no noso idioma das licenzas Creative Commons, adaptadas ao ámbito xurídico español. Estas licenzas permiten aos creadores dispor dun marco flexible de cesión de dereitos de autor en calquera soporte. A versión en galego incrementa as posibilidades de uso da nosa lingua na rede e facilita a diversidade da creación cultural dentro dun movemento de carácter mundial.

As licenzas Creative Commons axudan a regular prácticas que son habituais na rede. Un uso típico sería a copia e reprodución dun contido orixinal por parte doutros usuarios sempre que non sexa feito con ánimo de lucro e mencionando ao seu autor orixinal. Na actualidade, o contido de varios millóns de páxinas web do mundo están baixo o marco normativo facilitado por Creative Commons. Entre elas, o arquivo da BBC, moitas das publicacións científicas do Massachussets Institute of Technology (MIT), proxectos musicais do músico e Ministro de Cultura do Brasil, Gilberto Gil ou mesmo unha parte importante dos blogs que se editan na rede.

AS ORIXES

As licenzas Creative Commons naceron no ano 2001 na Universidade de Stanford (California) da man de Lawrence Lessig, profesor da Escola de Dereito desa universidade. Na actualidade, a Fundación Creative Commons -unha entidade sen ánimo de lucro- conta con representantes de 21 países e rexións e as súas licenzas xurídicas están publicadas en 16 linguas e adaptadas ao marco normativo de 29 países de todo o mundo. En España, a adaptación ao ámbito xurídico estatal foi levada a cabo por un equipo da Universitat de Barcelona baixo a dirección do profesor Ignasi Labastida. A versión en galego foi realizada polo Consello da Cultura Galega a través da iniciativa do sociólogo e experto na Sociedade da Información Fernando Garrido e o portal culturagalega.org.

PRECEDENTES

O Consello da Cultura Galega facilita desde o ano 2.000 a copia e a descarga gratuíta de case cen publicacións do seu fondo editorial. Ao mesmo tempo, o seu portal de divulgación cultural culturagalega.org ofrece aos seus usuarios dende o ano 2003 boa parte do seu contido baixo as licenzas Creative Commons co obxectivo de potenciar a difusión da lingua e da cultura galegas en Internet e noutros soportes. Con esta versión galega das licenzas, o Consello quere contribuír á riqueza e diversidade de formas de acción e difusión cultural que están a caracterizar a emerxencia das novas tecnoloxías.

Versión en galego das licenzas:

http://creativecommons.org/license/?lang=gl

Creative Commons:http://www.creativecommons.org