----

O PAPEL DA EMIGRACIÓN NO PASADO E NO FUTURO DE GALICIA, TEMA DE DEBATE DAS XORNADAS "MAR POR MEDIO"

O Concello lucense de Ribadeo e o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega celebrarán desde este martes, día 19 de xullo, e ata o vindeiro venres, día 22, a XIII edición das xornadas "Mar por medio" baixo o título "A parroquia de acolá". O encontro contará coa participación de destacados investigadores e profesionais que abordarán a historia da emigración galega e o papel que xoga hoxe e pode xogar no futuro de Galicia.

O director do Arquivo da Emigración, o profesor Ramón Villares, destaca o valor desta xornadas e do seu programa, xa que, sinala, "ofrecen unha visión moi actualizada do que foi o fenómeno migratorio e do que significa hoxe en día, abordando temas de tanta actualidade como o voto emigrante".

O encontro comezará na localidade lucense este martes con dúas conferencias introductorias sobre os eixes das xornadas: o fenómeno migratorio galego e a relación entre a emigración galega e a asturiana. Ramón Villares falará sobre "A emigración galega e os seus retornos" e Francisco Erice sobre "As características da emigración galega e asturiana".

Os días seguintes destacados investigadores galegos, como Pilar Cagiao, Xosé Manuel Núñez Seixas e Raúl Soutelo abordarán con investigadores das universidades de California, Oviedo, Arxentina e Madrid diferentes aspectos da emigración e do exilio galego en América e os froitos desta diáspora. A presenza e a imaxe dos galegos en Arxentina, Cuba e Estados Unidos, as escolas de emigrantes, as casas de indianos e as sociedades emigrantes serán algúns dos temas de análise.

O encontro tamén será aproveitado para analizar o voto emigrante e as perspectivas de futuro da emigración de man de persoeiros como Víctor F. Freixanes, Xosé Luís Barreiro, Anxo Lugilde, Antón Losada e Xabier Ferreira. O obxectivo é xerar debate sobre o papel que xoga na actualidade a emigración en Galicia, sobre o seu futuro e sobre como pode participar no desenvolvemento e a proxección exterior da Comunidade. Como despedida, os asistentes desfrutarán dun concerto a cargo da Coral Polifónica de Ribadeo.

O director do encontro, o profesor da USC Lourenzo Fernández Prieto, destaca que con este programa queren ofrecer unha visión o máis ampla posible do fenómeno migratorio, abordando desde o cadro xeral da emigración ata perspectivas de xénero ou a emigración asturiana.