----

MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ E JOSÉ LUÍS LOSA EXPLICAN NO CONSELLO DA CULTURA AS CLAVES DA CRÍTICA DE CINE

Os críticos Miguel Anxo Fernández e José Luís Losa expoñerán este venres no Consello da Cultura Galega (CCG) as claves da crítica cinematográfica no ámbito galego. Coa súa intervención pecharase o Obradoiro de Crítica Cinematográfica que desde este mércores celebra a Sección de Artes Plásticas do CCG en Santiago de Compostela e no que participan unha vintena de profesionais baixo a coordinación do crítico de El País Casimiro Torreiro.

Losa e Fernández explicarán aos asistentes o traballo de crítica de produtos cinematográficos que realizan habitualmente, a formulación de textos, as súas condicións laborais e o valor que se lle outorga ao seu traballo nas empresas. Coa súa participación, os organizadores do taller pretenden ofrecer unha ampla visión da realidade do crítico de cine en Galicia, para completar a visión xeral que durante os primeiros días de traballo ofreceu o coordinador do Obradoiro, Casimiro Torreiro, coñecido teórico do cine, profesor da Universitat Autónoma de Barcelona e colaborador como crítico en numerosas publicacións, entre elas o xornal El País.

O obxectivo desta iniciativa é achegar a crítica do cine aos profesionais galegos desde o ensino e a reflexión e acadar un espazo de diálogo e un impulso da crítica cultural en Galicia. Preténdese ademais ocupar ou complementar unha carencia existente na Comunidade neste tipo de convocatorias de formación. Desde a Sección de Artes Plásticas do CCG considérase imprescindible a formación de profesionais especializados desde a historia, a teoría ou as belas artes; por iso, nunha dirección intencionadamente máis pedagóxica, propuxéronse este Obradoiro de crítica, articulando nun mesmo curso as áreas teóricas e prácticas desta disciplina.

Para os organizadores, o crítico do cine "como lle sucede ao de calquera área disciplinar" é un dos protagonistas imprescindibles da empresa cultural e preséntase na actualidade nun pleno e e enriquecedor cuestionamento, estando cada vez máis activo na súa misión de interlocutor, de creador de relacións entre o feito artístico e a sociedade.

----- Máis información:http://www.consellodacultura.org