----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA LEMBRA A FIGURA DE ANTONIO FERNÁNDEZ-CID A TRAVÉS DAS CANCIÓNS DEDICADAS A EL

A Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega (CCG) lembrará este xoves, 9 de xuño, a figura do grande crítico musical Antonio Fernández-Cid. Antonio Iglesias, musicólogo e académico da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, pronunciará no salón de actos da institución unha conferencia baixo o título "As cancións galegas dedicadas a Antonio Fernández-Cid" na que fará un minucioso percorrido, ilustrado con fragmentos musicais, da pegada desta figura en cancións e letras de numerosos músicos.

Antonio Fernández-Cid de Temes (Ourense 1916 - Madrid 1995), avogado de profesión, exerceu durante a súa vida unha longa traxectoria como crítico musical. As súas colaboracións formaron parte das páxinas de xornais e revistas como ABC, La Vanguardia, Tarea, Informaciones, Arriba, Diario de las Américas e Blanco y Negro. Ademais escribiu, entre outras obras, "Cien años de teatro musical en España (1875-1975)", "Panorama de la música en España", "La música española en el siglo XX". A súa destacada traxectoria converteuno en membro da Real Academia de Belas Artes de San Fernando, da Real Academia Galega e académico de honor da Institución Fernán-González, entre outros méritos.

- Hora: 19:30 horas
- Asistencia libre
- Lugar de celebración: salón de actos do Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi, 2º Andar. Santiago de Compostela
- Máis información e programa completo en: http://www.consellodacultura.org/