----

CARLOS H. PEZZI: "O RETO DA ARQUITECTURA É SUPERAR O DESFASE ENTRE OBRA CULTA E EDIFICACIÓN MASIVA"

As Xornadas A arquitectura desde Andalucía continúan hoxe no Consello da Cultura Galega cun achegamento á súa historia recente e aos creadores máis destacados das novas xeracións. O presidente do Consello Superior de Arquitectos de España, Carlos Hernández Pezzi, destacou na súa intervención que o reto do sector nos próximos anos estará en superar o "desfase entre as arquitecturas cultas e as edificacións masivas", en facer crible unha alternativa de calidade para as construcións masivas. Este reto, sinalou, é "un reto do sector privado máis que do público, da empresa e da sociedade civil máis que da Administración, e de el depende que os arquitectos aposten pola innovación".

As xornadas "A Arquitectura desde Andalucía", que se celebran desde este xoves e ata mañá sábado, están organizadas pola Sección de Arquitectura do CCG e coordinadas polos arquitectos Iago Seara e Víctor Pérez Escolano. O encontro reúne a catorce dos máis destacados profesionais desa Comunidade para compartir con arquitectos e estudantes galegos tres días de debate e reflexión sobre as súas traxectorias profesionais e sobre os seus coñecementos e opinións.

No seu repaso polos últimos 25 anos da arquitectura feita en Andalucía, Pezzi fixo fincapé en que a modernidade e a incipiente diversidade son dous dous factores clave para entender a actual arquitectura andaluza. Recoñeceu certa ausencia de "risco formal e tecnolóxico", que só poden asumir arquitectos consagrados en proxectos de prestixio, e a existencia de cortapisas en determinadas arquitecturas á hora de afrontar a innovación, a investigación e a experimentación. Tamén sinalou que "aínda que existe unha crecente preocupación pola paisaxe pública, a rehabilitación extensiva e a recuperación de patrimonio como motores da arquitectura actual non ten suficiente entidade. Falla afrontar con novas ideas a recuperación da paisaxe metropolitana e litoral".

A arquitectura dos profesionais máis novos estivo representada esta mañá da man de Juan Domingo Santos, profesor e arquitecto granadino que forma parte da fornada de profesionais emerxentes na última década en Andalucía. Santos fixo fincapé no desenvolvemento dunha arquitectura fóra da competitividade dos concursos e provocada polos propios arquitectos, que desenvolva a capacidade destes profesionais de propor accións e experiencias coa paisaxe. Ademais da participación do presidente dos arquitectos españois e de Juan Domingo Santos, a sesión de hoxe conta coa presenza de Antonio González Cordón, Juan López Baldán e Ramón de Torres. Xa mañá, para rematar as xornadas, o arquitecto e profesor Guillermo Vázquez Consuegra, unha das personalidades máis recoñecidas da arquitectura en España, explicará aos asistentes a súa obra máis recente.

Esta iniciativa inscríbese nun amplo proxecto da Sección de Arquitectura do CCG, que está analizando pormenorizadamente a paisaxe de distintos focos de especial relevancia na Península. Deste xeito, celebráronse diferentes xornadas sobre a arquitectura en Lisboa, Cataluña, País Vasco, Navarra e Madrid, traendo a primeiras figuras da arquitectura nesas comunidades.