----

ESCRITORES E XORNALISTAS CONVERSARÁN NO CONSELLO DA CULTURA SOBRE A CRÍTICA LITERARIA

A Sección de Literatura e Industrias da Edición do Consello da Cultura Galega (CCG) celebrará este xoves, día 26 de maio, a súa tertulia mensual arredor do tema da crítica literaria nos medios de comunicación. Para abordar esta cuestión, ademais de membros da sección organizadora, participarán escritores e xornalistas con experiencia no ámbito da crítica literaria, que aportarán a súa experiencia sobre a práctica deste xénero e sobre a súa presenza nos medios de comunicación e en Internet.

Concretamente, o encontro contará coa participación de Moisés Barcia, tradutor e crítico literario que coordina o Cartafol de Libros de Vieiros e colaborador da Guía dos Libros Novos; Xosé Ramón Pena, escritor e crítico, coordinador do suplemento Faro das Culturas, do Faro de Vigo, e Rodri García, xornalista de La Voz de Galicia e Radiovoz. Como en anteriores ocasións, a tertulia estará aberta ás achegas dos interesados en participar nela e será gravada para posteriormente pór a disposición dos usuarios en Lg3, o soportal de literatura de culturagalega.org.

Este encontro continúa o ciclo iniciado o ano pasado polo CCG e no que ata o momento participaron escritores como Xesús Alonso Montero, Urbano Tavares e Anxos Sumai e no que se abordaron temas como as novas narradoras, o libro galego, a tradución, a creación na Rede, o exilio e o significado do Día das Letras Galegas.

- Lugar: biblioteca do CCG. Pazo de Raxoi, 2º Andar
- Hora: 17:00
Máis información sobre as tertulias en Lg3:http://www.culturagalega.org/lg3/lg3_tertulia.php