----

O CONSELLO DA CULTURA PRESENTA OS ACTOS DE PROMOCIÓN DA CANDIDATURA DA TRADICIÓN ORAL GALEGO-PORTUGUESA A PATRIMONIO DA HUMANIDADE

O Consello da Cultura Galega (CCG) acollerá este venres, 27 de maio, ás 12´30 horas, a presentación de diversos actos de promoción da Candidatura do Patrimonio Inmaterial Galego-Portuguesa a Obra Mestra da Humanidade pola Unesco. O programa de actos promocionais e divulgativos desenvolverase os días 3, 4 e 5 de xuño na vila portuguesa de Melgaço baixo o epígrafe “Galicia e Norte de Portugal: un patrimonio para o futuro” e incluirá exposicións, proxeccións, debates, música tradicional, demostracións de artes e oficios e xogos populares, entre outras actividades.

A rolda de prensa de presentación terá lugar no salón de actos do CCG e contará coa presenza de:
- Alfonso Zulueta de Haz, presidente do CCG- Antonio Rui Esteves Solheiro, alcalde de Melgaço (Portugal)
- Jesús Gamallo, secretario xeral de Relacións coa UE e Acción Exterior da Xunta
- Santiago Veloso, presidente da Asociación Cultural "Ponte nas Ondas"
- Xerardo Santomé, membro de Gaiteiros da Xistra e encargado dos eventos musicais.

A Candidatura da Tradición Oral Galego-Portuguesa a Patrimonio da Humanidade está promovida pola Asociación Cultural "Ponte nas Ondas!" e conta co apoio explícito dos gobernos español e portugués e de institucións como o Consello da Cultura Galega. A documentación foi presentada formalmente na sede da Unesco, en París, o pasado mes de outubro e a decisión definitiva coñecerase no vindeiro mes de novembro.