----

UN DISCO RECUPERA A OBRA DE MANUEL DOPAZO, O MÁIS GRANDE GAITEIRO DA EMIGRACIÓN GALEGA

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu este venres a presentación do CD "Crónicas porteñas" do gaiteiro Manuel Dopazo, considerado o máis grande gaiteiro da emigración. A obra está editada pola discográfica "Ouvirmos" e conta co patrocinio do Arquivo Sonoro de Galicia do CCG.

Manuel Dopazo (1882-1952) está considerado o máximo expoñente da gaita galega na emigración e así foi recoñecido polos seu contemporáneos. A súa traxectoria na diáspora comezou aos poucos días de chegar a Arxentina tras fuxir de Galicia cando ía ser recrutado polo exército. Nun bar porteño, un representante musical contratouno para tocar polo interior do país e mercoulle unha gaita e un traxe apropiado para elo. A partir dese momento, a súa carreira estivo marcada polo éxito do seu xeito de entender a música.

O director artístico de "Ouvirmos", Ramón Pinheiro Almuinha, destacou esta mañá na presentación do disco na sede do CCG que Dopazo tivo unha carreira que ilustra a evolución da emigración galega en Arxentina e que foi un artista "que conseguiu vivir da gaita en Arxentina cando aquí era impensable, sendo constructor e renovador deste instrumento e conseguindo forxar unha colección discográfica espectacular"

CASTELAO E DOPAZO

Os que o coñeceron, destacaron que tiña moi boa afinación, que requintaba e picaba as notas dunha maneira particular, ademais de cantar e tocar ao mesmo tempo, arte que poucos gaiteiros souberon desenvolver. "A súa calidade interpretativa deixa aínda hoxe sorprendidos aos expertos polo seu virtuosismo", sinala Pinheiro.

As dezaoito obras que integran o CD son gravacións comerciais de discos de 78 r.p.m. que intentan ofrecer unha mostra representativa das súas gravacións, pois descoñécese cantas fixo en total. A maioría son obras galegas, aínda que se atopan tamén dúas pezas asturianas e dúas do repertorio académico español.

Dopazo tocou como solista, acompañándose polos seus numerosos fillos e, desde os anos 40, tamén co seu conxunto "Los Gaiteiros de Vilaverde", a primeira formación de banda de gaitas da que se ten noticia. A súa popularidade levouno a tocar no programa de maior audiencia entre a colectividade galega, en películas da época dourada do cine arxentino, no teatro e en numerosos eventos da época. Unha relevancia que lle proporcionou amizades como Castelao e Tacholas e que o perpetuou como o arquetipo do que representa ser gaiteiro e tocar o instrumento máis prezado en Galicia, a gaita.

O vicepresidente do Consello da Cultura Galega e director do Arquivo Sonoro de Galicia, Ramón Castromil, recordou durante a presentación do CD como Castelao deixou escrito a seguinte frase como proba da súa admiración por este músico: "Dopazo, o día que volvamos á Galiza, iremos os dous diante de centos de gaiteiros tocando a nosa gaita por todos os pobos da nosa Terra". Unha escena que finalmente a historia non permitiu que se producise pero que forma parte do legado e a herdanza musical da emigración.

Ramón Castromil tamén destacou que esta iniciativa se enmarca dentro "do compromiso da nosa institución para ir recuperando paso a paso os documentos, biografías, textos, voces e sons do legado dos nosos emigrantes". Por elo, deu os parabéns á discográfica "Ouvirmos" polo esforzo e o coidado posto nesta iniciativa.

Máis información e fotos e tema de promoción en:http://www.ouvirmos.com