----

CATORCE DOS MELLORES ARQUITECTOS ANDALUCES EXPORÁN NO CONSELLO DA CULTURA GALEGA A SÚA OBRA

A Sección de Arquitectura do Consello da Cultura Galega (CCG) continúa o seu proxecto de achegamento á mellor arquitectura peninsular coa celebración o vindeiro 16, 17 e 18 de xuño das xornadas "A arquitectura desde Andalucía". Destacados arquitectos, críticos e investigadores andaluces compartirán con profesionais galegos tres días de debate e reflexión sobre as súas traxectorias profesionais e sobre os seus coñecementos e opinións arredor da arquitectura.

Durante a presentación esta mañá do encontro, o coordinador da Sección organizadora, Iago Seara, explicou como "o CCG vén centrando o seu interese desde fai xa dous anos na análise pormenorizada da arquitectura que se está a desenvolver en distintos focos de especial significación nos nosos días". Nesta liña, celebráronse diferentes xornadas, baixo o título xenérico de "Arquitectura e identidade cultural", sobre a situación actual e a historia da arquitectura en Lisboa, Cataluña, País Vasco e Navarra e Madrid invitando a algunhas das súas figuras máis representativas.

NOVAS PONTES GALICIA-ANDALUCÍA

Continuando este traballo, a quinta convocatoria que se presenta agora pretende divulgar entre o público galego a arquitectura andaluza, establecer novos lazos culturais entre Galicia e esta Comunidade e seguir traballando na formación dos profesionais e investigadores da arquitectura galega. Hai que lembrar que en cada xornada, ademais dos arquitectos invitados asisten preto dun centenar de persoas, a meirande parte profesionais e estudantes desta área.

Sobre a elección de Andalucía, Iago Seara explica que esta Comunidade "aparece nos nosos días como un elemento fundamental para calquera abordaxe que se pretenda facer da arquitectura contemporánea na Península". "A proxección de moitos dos seus profesionais máis alá do seu ámbito, e mesmo a nivel internacional, sitúan a esta Comunidade nunha posición referencial que, desde o interese da Sección de Arquitectura pola análise da arquitectura contemporánea, non podiamos deixar de subliñar", destacou.

Deste carácter enormemente activo e en continua transformación da arquitectura andaluza darán boa conta os catorce profesionais desta Comunidade invitados ás xornadas, coordinadas desde Andalucía polo profesor Víctor Pérez Escolano. A selección de convidados realizouse atendendo á súa representatividade como membros das distintas xeracións de profesionais que permanecen aínda en activo ou como representantes de diferentes xeitos de entender e abordar o fenómeno arquitectónico. Arquitectos como Juan Domingo Santos, Joaquín López Baldán, José Ramón Sierra, Guillermo Vázquez Consuegra ou o equipo Cruz & Ortiz compartirán debate e diálogo con representantes da nosa arquitectura.

Por último, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, destacou na presentación das xornadas o compromiso da institución que preside de "defensa e promoción dos valores culturais galegos pero prestando especial atención a outros ámbitos culturais e a outras propostas e expresións nun intento de tender pontes de coñecemento, cooperación e intercambio desde Galicia". Este proxecto está previsto que continúe no futuro coa celebración de xornadas similares centradas na arquitectura de Canarias, Castela e León e Porto para rematar cunha reflexión sobre a arquitectura galega e a relación entre esta área e a identidade cultural.

Máis información, galería fotográfica, programa completo e inscrición gratuíta en:http://www.consellodacultura.org/