----

EXPERTOS EN ECONOMÍA E UNIVERSIDADE DENUNCIAN A PAULATINA PRIVATIZACIÓN DA UNIVERSIDADE PÚBLICA

O Consello da Cultura Galega acolle hoxe a celebración do Seminario "A política neoliberal para o Ensino Superior: retos para a universidade pública", organizado pola Área de Economía do Seminario de Estudos Galegos, coa colaboración do Consello da Cultura Galega e a Concellaría de Educación do Concello de Santiago. O encontro reúne a destacados expertos do mundo universitario e económico para debater sobre a transformación da universidade ante a súa privatización e a perda da súa condición de servizo público.

O presidente da entidade organizadora, Francisco Díaz Fierros, inauguraba o seminario chamando a atención sobre a os cambios tan profundos que está padecendo na actualidade o Ensino Superior. Para o vicepresidente do CCG, actualmente a universidade está a a vivir "o momento máis crítico dos últimos séculos" polo que se fai necesario a análise crítica do que está acontecendo con iniciativas como estas.

O profesor de Psicoloxía da USC Alfonso García Tobío advertía que "é evidente a crise financiera que está a vivir actualmente a universidade tanto en Galicia como no ámbito español e internacional". Unha crise que máis aló de posibles erros na xestión interna e do descenso de alumnos, Tobío sitúa claramente na política neoliberal. "Estas crises, sinala, son intencionalmente inducidas desde presupostos neoliberales, que pretenden facer das universidades algo moi distinto para o que naceron, empresas que funcionen no libre mercado como calquera outra empresa". Ademais, sinala, neste "mercado" as titulacións en humanidades convértense en "productos pouco vendibles".

Negocio "moi apetecible"

Na mesma liña, o catedrático de Economía Aplicada da USC, Xavier Vence, analizaba como a tensión que vive na actualidade o Ensino Superior nace da presión á que está sometida pola economía neoliberal. Segundo sinala, "os inversores privados atopan nas universidades un campo de negocio moi apetecible, o que as converte en obxectivo dos ataques das súas estratexias". "As titulacións univiersitarias, advirte, son unha necesidade básica para a poboación, o que converte a universidade nun nicho de moitos millóns de posibles clientes para os buscadores de negocio".

Ante esta situación, Vence explica que se comeza a ver a universidade como "un campo de negocio que hai que abrilo ao mercado e o problema que se presenta é como facelo, xa que se trata dun proceso complicado que implica romper un modelo exitoso ata a actualidade e con moito arraigo social". Así, advirte que a privatización estase abordando dun xeito sixiloso e paulatino, tratando de acadar o beneplácito da sociedade e eludindo a confrontación. "O debate da privatización non se está producindo, porque se está entretendo á comunidade universitaria con temas secundarios como as homologacións de estudos no ámbito europeo ou co intercambio de alumnos, sen abordar os verdadeiros problemas de fondo, que son os económicos". Para atallar esta situación, este catedrático pide que as transformacións que está sufrindo a universidade coa súa privatización sexan coñecidas e debatidas pola sociedade, "xa que o que verdadeiramente está en xogo é o modelo social de servizo público".

Neste senso, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, sinalaba que procesos como "a consideración do servizo público, os nada disimulados afáns privatizadores e os recortes orzamentarios, abren certamente un conxunto de desafíos que reclaman respostas audaces e axeitadas". "E pola nosa parte, - indicou Zulueta- como primeira institución cultural de Galicia, queremos contribuír á potenciación das posibilidades universitaraias e á construción dunha sociedade capaz de superar estes desafíos".

As xornadas contaron esta mañá tamén coa participación de Juan Carlos Pardo, profesor de Psicoloxía da USC, que abordou as políticas de calidade, Gonzalo Rodríguez e Manuel González, profesores de Economía Aplicada da USC que analizaron as políticas de recorte do orzamento universitario, e Carlos Berzosa, rector da Universidade Complutense, que ían falar sobre a internacionalización, a competencia e a privatización. Xa pola tarde, o seminario continuará a partires das 16:00 horas coa intervención de Alberto Amaral, director do Centro de Investigaçao sobre Políticas de Ensino Superior-Universidade de Porto, cunha mesa de debate sobre a investigación universitaria, e coa intervención de Xosé Lois Armesto, vicerreitor de Profesorado da Universidade da Coruña.

- Programa completo en:
http://www.consellodacultura.org/xornadas/universidade.pdf
- Máis información en:http://firgoa.usc.es/drupal/index.php