----

O CONSELLO DA CULTURA SINALA QUE O FUTURO DO GALEGO PASA POR VALORAR A RIQUEZA DA LINGUA ORAL

A Sección de Lingua do Consello da Cultura Galega (CCG) e o Instituto da Lingua Galega (ILG) presentaron esta mañá unha nova publicación especializada baixo o título "Norma lingüística e variación". A obra, segundo explicou o seu coeditor e coordinador da Sección de Lingua do CCG, Henrique Monteagudo, chama a atención sobre a necesidade de coidar a variedade lingüista do galego, xa que, advirte, "a chave da normalidade dunha lingua e sobre todo do seu futuro non está na escrita senón na lingua oral, no uso que os falantes fagan dela na súa vida cotiá".

Monteagudo destacou que as diferentes variedades do galego, os diferentes trazos que ten cada falante ao empregalo segundo o seu contexto xeográfico, segundo a situación de uso e segundo o grupo social ao que pertence, "non deben ser vistas como una dexeneración do idioma senón como unha riqueza". Así, destacou que "un idioma normalizado ten que ter un abano de rexistros lingüísticos moi amplo, flexible e plural".

O coeditor da publicación explicou que na actualidade estase dando un cambio nas preocupacións dos lingüistas, pois se nas décadas pasadas o seu traballo estaba centrado na definición dunha norma escrita, actualmente, coa ampliación do uso do galego e o cambio de actitude, a discusión sobre a ortografía perde forza e emerxen novas problemáticas relacionadas xa coa norma fonética e a lingua falada. Para Monteagudo, "onde se fixan agora as formas cultas dunha lingua son os medios de comunicación audiovisuais" e polo tanto reclamou que se preste a debida importancia á lingua oral e "se fuxa da idea dun modelo ríxido e pechado do idioma galego".

Pola súa banda, o presidente do CCG, Alfonso Zulueta de Haz, destacou a necesidade de levar a cabo iniciativas coma estas, encamiñadas a "potenciar e proxectar a diversidade lingüística e cultural". "Máis alá da nosa obriga de fomentar a lingua e a cultura galegas "indicou- está o compromiso permanente de contribuír e proxectar cada vez máis a posibilidade de estarmos no mundo en galego".

"Como de ser ou como non debe ser"

Os relatorios foron elaborados por recoñecidos especialistas no simposio "Variación e prescrición", organizado polo ILG en 2003. Os responsables da edición destacan que este volume indaga "nos límites do modelo normativo establecido, nesa fronteira en que falla (ou simplemente falta) a descrición de "como debe ser" ou "como é preferible que sexa", o que tamén implica en moitos casos aclarar "como non debe ser" ou "como non é" (a contrafío dalgunhas prácticas máis ou menos estendidas)".

Para analizar estas cuestións, contaron coa participación de destacados lingüistas con acreditada capacidade de reflexión sobre a variación lingüística e sobre as delicadas problemáticas deste ámbito. Para contextualizar a situación do galego no ámbito das linguas veciñas, o debate contou coa colaboración de representantes dos equipos responsables das gramáticas do español, o catalán e o portugués, editadas recentemente, que intercambiaron coñecementos e impresións co equipo que actualmente redacta a gramática da Real Academia Galega.

A directora do Instituto da Lingua Galega e coeditora da publicación, Rosario Álvarez, sinalou que esta publicación constitúe a terceira entrega dunha serie que cada ano intenta achegar ao público un tema que reclama unha atención prioritaria no ámbito da lingua. En anteriores ocasións celebráronse encontros sobre "Dialectoloxía e léxico" (2001) e "Léxico e estandarización en Galicia" (2002), das que se editou as súas actas. O obxectivo común de todos eles é contribuír ao progreso da investigación e da reflexión naquelas facetas de estudo da lingua galega que ou están insuficientemente atendidas ou non están dabondo adiantadas en relación ás demandas actuais, ora da comunidade científica ora do corpo social. Unha traxectoria que se completou recentemente coa celebración do Simposio "Lingua e Territorio" o pasado ano.

Nesta andaina, a directora do ILG quixo agradecer a colaboración da Universidade de Santiago, da Consellería de Educación e do Ministerio de Ciencia y Tecnología, institucións que achegaron distintas contribucións á realización destas iniciativas.

Como en anteriores ocasións, a publicación estará dispoñible para a súa descarga gratuíta na páxina web da institución proximamente.