----

O CONSELLO DA CULTURA GALEGA HOMENAXEARÁ ESTE VENRES AO MÚSICO MANUEL QUIROGA

A Sección de Música e Artes Escénicas do Consello da Cultura Galega celebrará este venres, día 13 de maio, diversos actos de homenaxe e recuperación da obra do violinista pontevedrés Manuel Quiroga (1892-1961). O doutor Enrique Jiménez Gómez pronunciará unha conferencia sobre o músico ao que lle seguirá un concerto a cargo do profesor Agustín León Ara (violín) e Alfredo Oyáguez (piano) baixo o título "Manuel Quiroga, tras dos sendeiros de Sarasate".

Enrique Jiménez destaca como o pontevedrés Manuel Quiroga foi un dos mellores violinistas do seu tempo, quen os dezanove anos xa tiña gañado numerosos premios en París e que en Estados Unidos axiña chegaría a ser, xunto a Jascha Heifetz, un dos violistas de referenza da nova xeración que nacía. Querendo ademais continuar as pegadas de Sarasate, Quiroga desenvolvería unha grande traxectoria como compositor.

"A pesar de que os seus valores semellan hoxe ocultos en demasía, a figura irrepetible de manuel Quiroga é unha verdadeira honra para Galicia, pois as súas dotes excepcionais e a singular capacidade de estudo fixeron del no seu tempo un dos mellores violinistas do mundo e o herdeiro, indiscutido onte e indiscutible agora, daquel virtuoso eximio que se chamou Pablo Sarasate, a quen se renderon Europa e América, namentres o seu Stradivarius cantaba polo mundo recordos de infancia galega, en compases de seis por oito", recorda Jiménez.

Esta homenaxe no edificio do Consello da Cultura Galega no Pazo de Raxoi ten ademais un carácter emotivo engadido. Jiménez recorda como no regreso de Quiroga de Estados Unidos tralo seu éxito, o músico galego foi recibido calurosamente en Santiago de Compostela, tocando na Catedral de Santiago e saíndo a saudar despois aos numerosos afeccionados congregados na Praza do Obradoiro desde os balcóns de Raxoi, lugar onde este venres se lle renderá homenaxe.

- Lugar: salón de actos do CCG. Pazo de Raxoi, 2º Andar
- Hora de comezo: 19:30

Máis información:http://www.consellodacultura.org/