----

O CCG CONMEMORA O DÍA DAS LETRAS GALEGAS COA RECUPERACIÓN DA OBRA DE LORENZO VARELA EN AMÉRICA

O Consello da Cultura Galega (CCG) súmase aos actos de conmemoración do Día das Letras Galegas 2005 coa publicación do libro "Lorenzo Varela en revistas culturais de México e Bos Aires". A obra, editada pola Sección de Comunicación do CCG, recupera e analiza os artigos que Lorenzo Varela publicou en sete relevantes revistas literarias durante o seu exilio en México e Arxentina: Taller, Romance, Letras de México, De Mar a Mar, Correo Literario, Cabalgata e Sur.

Esta achega, coordinada por Xosé López, Rosa Aneiros e Mª Antonia Pérez, permite perfilar a personalidade dun autor ata agora relativamente esquecido e constatar a través das súas reflexións os problemas e inquedanzas dos refuxiados galegos a raíz da Guerra Civil española. A través dos numerosos textos sobre arte, literatura ou cine recompilados neste libro, Lorenzo Varela amosa a súa valía intelectual, o seu compromiso político e o seu carácter.

A poesía e o xornalismo foron as canles que acolleron as súas creacións, palabras e proxectos, compartidos estreita e intensamente con figuras senlleiras da cultura galega como Luís Seoane e Arturo Cuadrado. Boa parte desta produción acabou sendo publicada en revistas culturais en América, un factor a ter moi en conta xa que as publicacións periódicas culturais no exilio cumpriron unha misión capital como elemento identitario e aglutinador dos grupos que os sacaban adiante e fomentaban a ilusión de que a derrota trala Guerra Civil era momentánea, mantendo o espírito de loita no desterro.

Todas as publicacións que saen da man de Lorenzo Varela débense entender como unha contribución a este fin, e así nelas atopamos a persoeiros de esquerdas que non deslindaban cultura de política. Catro das revistas estudadas na publicación presentada hoxe (Romance, De Mar a Mar, Correo Literario e Cabalgata) non sairían ao mercado sen o empeño e teimosía de Lorenzo Varela e na súa traxectoria foi decisiva a súa inquebrantable dedicación. A súa activa participación nestas publicacións levaríano tamén a coñecer e colaborar con destacados intelectuais do exilio e dos países de acollida, como Octavio Paz, que o recibiría á súa chegada a México e co que traballaría en Taller, Ernesto Sábato, que acudiría a despedilo antes do seu regreso a España, con Borges, Seoane, Cuadrado e moitos outros.

Durante a presentación esta mañá da obra, o coordinador da Sección de Comunicación, Xosé López, destacou que esta publicación "enriquecerá o coñecemento da tarefa xornalística de Lorenzo Varela" e dará un xusto recoñecemento á súa traxectoria. Unha opinión que comparte outro dos coordinadores da edición, Mª Antonia Pérez, que fixo unha emotiva lembranza da figura de Lorenzo Varela a través dos seu exilio e abatares persoais e profesionais. Para esta investigadora, "Lorenzo Varela merecía esta homenaxe na súa terra porque cando regresou a España despois de tantos desterros volveu a ser un exiliado". Así explica como o homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas non entendeu a política de esquecemento aplicado durante a transición española e acabou sendo marxinado pola propia esquerda a pesares de loitar durante tres décadas en contra do fascismo e non darse por vencido.

Exiliados

Pola súa banda, o presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, destaca a dobre condición de emigrante e exiliado de Lorenzo Varela e o seu incansable traballo por Galicia. "Derrotados no campo de batalla, non no pensamento nin na acción, os exiliados galegos -sinala Zulueta- foron capaces de impulsar proxectos e iniciativas ao servizo dunha terra vivida desde o soño do retorno imposible para moitos", xurdindo revistas, propostas radiofónicas e xornalísticas solidarias e comprometidas.

O estudo da obra de Lorenzo Varela co gallo do Día das Letras Galegas permite agora achegarnos á obra dos exiliados e emigrantes galegos como parte fundamental da nosa memoria histórica e cultural. Por elo, o soportal de culturagalega.org ven de publicar na rede un novo e amplo especial titulado "Exiliados", unha produción multimedia para Internet que narra en detalle as causas e os tempos do exilio e se detén nos perfís de importantes persoeiros e creadores da nosa diáspora do século XX. Na súa elaboración participou o Arquivo da Emigración Galega, en colaboración co Arquivo Sonoro de Galicia e outras institucións, coma o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, a Fundación Luís Seoane, Acuarela Comunicación e Televisión Española. Este especial pode ser consultado en:
http://www.culturagalega.org/exilio/

A publicación presentada esta mañá está dispoñible para a súa descarga de balde na páxina web da institución, en:http://www.consellodacultura.org/