----

O DIRECTOR XERAL DE POLÍTICA LINGÜÍSTICA EXPLICA AO SECTOR O PLAN XERAL DE NORMALIZACIÓN

O Plan Xeral de Normalización Lingüística (PXNL) que comeza a executarse mañá sábado é o gran protagonista do sesión de hoxe da VIII edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, organizados polo Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia do Consello da Cultura Galega (CCG). O director xeral de Política Lingüística da Xunta, Xesús Pablo González Moreiras, foi o encargado de debullar as súas principais características e perspectivas de execución ante os máis de 200 técnicos e investigadores da lingua asistentes ao foro.

O responsable de Política Lingüística considera que o Plan é "o mellor dos posibles" e cualifícao de "xeral, realista, posible e audaz". Segundo explicou, as 445 medidas que contempla foron deseñadas para acabar a maior implicación de tódolos sectores, tanto da poboación en xeral e as institucións coma de sectores como o empresarial ou os medios de comunicación, para obter un rendemento máximo das accións previstas e para conseguir que o galego sexa asociado a termos de prestixio. Tamén destacou que estas medidas buscan o consenso, "polo que este ano -sinalou- comezaremos aplicando as medidas de máis aceptación e non as que poidan suscitar conflictos ou maior rexeitamento".

Para González Moreiras, o espírito do Plan é que "si hai futuro para o idioma". Por elo, sinala que "o máis urxente agora é frear a caída do galego e facer emerxer o galego oculto", o da xente que ten competencias para falalo pero que non o fai. Para o director xeral de Política Lingüística, o Plan "non fomenta a hostilidade cara o castelán, nin oculta a realidade nin fomenta a crenza de que estamos diante dunha lingua de morte inminente".

Este responsable atribuíu á falla de tempo o feito de que o Plan no fose entregado antes da súa tramitación parlamentaria aos grupos políticos, sindicatos, asociacións e institucións culturais para o seu debate. En canto ao tema orzamentario, Moreiras considera que "o problema non van ser os recursos económicos" e sinalou que para a execución do Plan dispoñerase dos recursos materiais da Dirección Xeral que dirixe e co equipo humano que a compón, xunto aos membros das diferentes comisión que forman parte do PXNL.

Trala súa intervención e a posterior explicación de Manuel González do contido e proceso de elaboración do Plan, diferentes expertos foron analizando as perspectivas de aplicación en diferentes sectores. Xaquín Monteagudo expuxo as previsión no sector da administración, destacando como puntos fortes do sector a existencia dun marco lexislativo e regulamentario, a competencia lingüística dos cargos públicos e funcionarios e o uso maioritario do galego na sociedade. Sen embargo, advertiu de punto febles como a falta de liderato no proceso normalizador, a descoordinación de actuacións, os desequilibrios entre administracións técnicas e culturais, as dificultades técnicas, as deficiencias na formación dos funcionarios e os problemas específicos da Administración de Xustiza.

Mª Dolores Rodríguez (PP), Eduardo Gutiérrez (BNG) e Manuel Luís Rodríguez (PSdG) son pola súa banda, os encargados de expor aos especialistas asistentes a posición dos partidos políticos. Así, desde o Grupo Parlamentar do BNG sinalan que lle deron a súa aprobación a este Plano "polo tremendo deterioro da lingua galega nos últimos anos e pola pouca operatividade da acción gobernamental para detelo". Como aspecto positivo do PXNL destacan que fai unha diagnose da situación afastada do "triunfalismo oficialista e da concepción acientífica na que se baseou en boa parte a política lingüística nestes anos". É polo tanto, "un si crítico" ao PXNL "sobre todo no que respecta ao proceso seguido, á temporalización forzada e ao status subsidiario e restrictivo do órgano encargado de executar o Plan dentro do organigrama da Xunta". Pola súa banda, desde o Grupo Socialista destacan que "o novo Plan debe contribuír á expansión da utilización do idioma galego, baseándose en principios básicos como a non confrontación idiomática, a convivencia harmónica dos idiomas, o respecto e cumprimento escrupuloso do emprego do galego polos organismos públicos de todos os ámbitos e pola promoción do seu uso por parte da Administración".

Xa pola tarde, a aplicación do Plan na Educación e na sociedade en xeral serán os temas a tratar. Bieito Silva explicará como no sector educativo a súa aplicación ten catro grandes metas: asegurar a galeguización de todos os niveis do sistema educativo, fomentar a transmisión da lingua no ámbito familiar, habilitar espazos para o uso do galego dentro da cultura xuvenil e fomentar entre a mocidade os valores funcionais e identitarios da lingua galega.

Estes encontros constitúen o único foro regular convocado anualmente para o estudo, reflexión e o debate sobre os problemas da promoción social do idioma. Pretenden ademais converterse no punto de encontro das persoas que desenvolven o seu labor profesional nos diferentes servizos lingüísticos, contribuír á formación de especialistas en sociolingüística galega e dar a coñecer os novos proxectos e recursos elaborados para o desenvolvemento e difusión do galego. A celebración remata mañá cunha sesión académica na sede do Consello da Cultura Galega pechará esta oitava edición.

Máis información, programa e resumo de relatorios en:http://www.consellodacultura.org/arquivos/cdsg/eventos.php?id=2