----

UN ESTUDIO DO CCG CATALOGA 687 MILIARIOS E INSCRICIÓNS DAS CALZADAS ROMANAS QUE PERVIVEN DA ANTIGA GALLAECIA

A Sección de Patrimonio Histórico do Consello da Cultura Galega presentou este xoves, día 20 de xaneiro, a obra "Miliarios e outras inscricións viarias do Noroeste Hispánico (conventos bracarense, lucense e asturicense)", de Antonio Rodríguez Colmenero, Santiago Ferrer Sierra e Rubén Darío Álvarez Asorey, da Universidade de Santiago de Compostela. Trátase, como salientou Gèza Alföldy, catedrático de Historia Antiga da Universidade de Heidelberg e presidente do Proxecto da Academia de Berlín "Miliarii Imperii Roman, “dunha obra extraordinaria, do corpus máis grande deste ámbito que ten visto a comunidade científica internacional".

Este proxecto naceu co obxectivo de localizar, catalogar, transcribir e estudar os miliarios e outras inscricións viarias de época romana na Gallaecia ampla, que no período tardo-imperial incluía o Portugal de aquén-Douro e estaba estreitamente vencellado á veciña rexión asturicense. Unha idea inicial que, como sinala Rodríguez Colemenero, traduciuse en case oito anos de intenso e minucioso traballo ata catalogar 687 miliarios e outras inscricións viarias, que na obra aparecen fotografados, descritos e coa correspondente interpretación e calco dos textos que teñen gravados, en moitos casos danados polo paso do tempo.

"Foi un traballo intenso, con decenas de miles de quilómetros percorridos en automóbil e a pé por lugares de tódolos carices, tanto en España como en Portugal, facendo innúmeros calcos por contacto tomados sobre as inscricións mesmas, moreas de fotografías dos monumentos e demoradas estancias en bibliotecas e arquivos de dentro", destacou Colmenero, quen quixo agradecer a axuda de colaboradores e autoridades no desenvolvemento desta iniciativa.

Unha vez presentada a obra, os seus autores fan un chamamento para que se traballe na protección destes monumentos de pedra que balizaban e sinalizaban a rede romana e que aínda hoxe perviven no noso entorno. Salientaron a importancia de protexelos, divulgalos e poñelos en valor para contrarrestar os danos que causa nestes monumentos o paso do tempo, as condicións climáticas, os cambios nos usos do territorio e as acción de persoas. Esta sensibilidade é compartida polo presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz, quen amosou "a xusta preocupación dos autores polo futuro do inmenso e valioso legado cultural que temos".

A iniciativa inscríbese no marco do proxecto internacional para a elaboración do suplemento do CIL (Corpus Inscriptionum Latinarum), que está a levar a cabo a Academia de Berlín, coa idea de reunir nun único corpus o conxunto de miliarios e demais inscricións viarias pertencentes aos tres conventos xurídicos do noroeste hispánico.