Nesta VIII edición, os temas máis salientables que se tocarán son tres: no apartado de novas tecnoloxías, os recursos lingüísticos na rede; na análise de ámbitos cruciais para a normalización, a situación sociolingüística e mais o papel dos medios de comunicación; e canto a iniciativas de relevo, o Plano Xeral de Normalización Lingüística (PXNL), aprobado recentemente polo Parlamento galego e que a Xunta, a través da Dirección Xeral de Política Lingüística, comezará a aplicar desde este sábado.
Así, o segundo día das xornadas estará dedicado case en exclusiva ao PXNL, coa asistencia de expertos que participaron na súa elaboración e de representantes e responsables políticos e axentes sociais. O propio director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, será o encargado de analizar as perspectivas de execución do Plano ante o persoal dos servizos de normalización lingüística e servizos de tradución das diferentes administracións galegas e de entidades privadas, investigadores especializados en sociolingüística galega, xestores lingüísticos e estudantes que asistirán aos encontros.
Os encontros terán lugar na Aula de Cultura de Caixa Galicia en Santiago de Compostela e na sede do Consello da Cultura Galega. O acto de inauguración do foro, no que colaboran a Obra Social de Caixa Galicia e a Coordinadora de Traballadores e Traballadoras de Normalización da Lingua, contará coa presenza do director xeral de Política Lingüística, Xesús Pablo González Moreiras, e do presidente do Consello da Cultura Galega, Alfonso Zulueta de Haz.