----

O PLENO DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA ELIXE AO PROFESOR E XORNALISTA XOSÉ LÓPEZ GARCÍA NOVO VICEPRESIDENTE

O Pleno do Consello da Cultura Galega (CCG) reunido hoxe en sesión ordinaria, a primeira do novo ano, elixiu por unanimidade ao xornalista e profesor Xosé López García como novo vicepresidente da institución.

O novo cargo, que asumirá tarefas directamente relacionadas coa xestión das novas tecnoloxías da información, amplia os integrantes da Comisión Executiva, que contará cun presidente, Alfonso Zulueta de Haz; tres vicepresidentes, Ramón Castromil Ventureira, Francisco Díaz-Fierros Viqueira e Xosé López García, e un secretario, Henrique Monteagudo Romero.

O Pleno coñeceu un informe do presidente e considerou a actualización da relación de postos de traballo da institución e a convocatoria de novas prazas. Trátase de dar mellor cobertura e soporte á actividade das 12 Seccións e dos 4 Arquivos do Consello.

"Debemos potenciar as nosas capacidadese procedementos de actuación para o mellor cumprimento das nosas obrigas coa Cultura e con Galicia", afirmou o presidente, Alfonso Zulueta de Haz.

O Pleno é o máximo órgano de goberno do CCG. Unha parte dos seus membros son designados polas institucións nel representadas e outra, ata dez, son elixidos, entre os seus membros, en votación secreta.

A Comisión Executiva é o organismo responsable do seguimento da actividade ordinaria da institución, en relación directa coa xerencia, desempeñada por Antonio Montero Carro.

O Consello, creado pola lei 8/1983, de 8 de xullo, do Parlamento de Galicia, é un órgano asesor e consultivo, con capacidade de iniciativa, investigación e organización ao que compete a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego,

DATOS BIOGRÁFICOS DE XOSÉ LÓPEZ GARCÍA

Xosé López García naceu en Pol (Lugo). É licenciado en Ciencias da Información, sección de Xornalismo, pola Facultade de Ciencias da Información da Universidade Complutense de Madrid e doutor pola Universidade de Santiago. Alternou a súa faceta como xornalista coa de docente durante longo tempo.

Foi redactor durante vinte anos en medios de comunicación galegos como "A Nosa Terra" (dous anos), "El Ideal Gallego" (dous anos) e "La Voz de Galicia" (dezasete anos). Neste último diario chegou a ocupa-la delegación de Santiago durante oito anos. Correspondente en Galicia de "Cinco Días", "Actualidade Agraria" e "El temps", entre outros medios, completa a súa tarefa xornalística coas colaboracións en Antena 3-Radio, Ondas Galicia e Radio Voz.

Como docente, ocupou en 1984 o cargo de profesor colaborador no Instituto de ciencias da Educación da Universidade de Santiago e tamén en cursos organizados pola Consellería de Educación (1985-1986). Profesor asociado de periodismo na Universidade de Santiago entre 1992 e 1996 e titular desde ese ano, Xosé López foi decano da Facultade de Ciencias da Comunicación desde 1997 ata 2004.

Dirixe o Observatorio de Comunicación Local e o Observatorio de Periodismo Electrónico e Multimedia, grupos creados para a investigación na universidade.

Coordinador do"Informe da Comunicación en Galicia", membro electo do Pleno do Consello da Cultura Galega e coordinador da Sección de Comunicación, é autor de diversos libros: "A prensa local e comarcal na Galicia do século XX" (1992), "Detrás da prensa popular" (1995), "O papel das publicacións locais na Galicia de fin de século (1990-1993)", "A Comunicación en Galicia" (1998), "A reportaxe de prensa en Galicia" (1998), "Comunicación e información escrita" (1999), "A prensa no terceiro milenio" (2000), así como outras publicacións feitas en colaboración.