O Consello da Cultura Galega acolleu hoxe a presentación pública do libro “Economía de la Cultura y la Comunicación en la Era Digital”, definida polos editores como “un achegamento ao papel da cultura e da comunicación no seu papel de catalizadores da creatividade e a innovación e pola súa contribución ao crecemento e o emprego”. A publicación reúne as ponencias presentadas por 32 investigadores europeos e iberoamericanos no I Foro Internacional INDCREA celebrado en setembro de 2011 na Illa de San Simón e organizado pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través de AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), e o Consello da Cultura Galega. No acto interviron Xosé López, secretario do CCG, Juan Carlos F. Fasero, director de AGADIC, e os editores do libro Fernando Salgado e Valentín Alejandro Martínez.
Fernando Salgado aludiu á oportunidade da reflexión sobre as relacións economía-cultura, particularmente en “tempos menesterosos” e salientou o papel da cultura e da creatividade “como factores nucleares da competitividade, ao impulsar mecanismos que favorecen a innovación”. Esa foi a preocupación do I Foro Internacional INDCREA, celebrado en 2011 na Illa de San Simón baixo o epígrafe “Galicia e as industrias culturais e creativas diante da Axenda 2020”. “Tratábase de profundizar na análise das coordenadas, a natureza específica e as consecuencias dun fenómeno tecnolóxico-cultural que se sitúa no epicentro da radical transformación que experimenta o mundo en que vivimos”, anotaron os editores dunha publicación que ocupa 673 páxinas e apunta á “oportunidade” que supoñen as industrias culturais, como dixo Valentín Alejandro.
Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205