Idiomas: Español / English
Pazo de Raxoi, 2º andar
15705 Santiago - A Coruña
Tel.: +34 981957202
Directorio de contactos
O II Foro INDCREA defendeu o valor da cultura como xeradora de recursos e negocio e un papel máis activo no desenvolvemento de Galicia
19/07/2012

O II Foro Internacional INDCREA-Cultura Emprendedora e Innovadora para as Industrias Culturais e Creativas, celebrado na Illa de San Simón-Illa do Pensamento, finalizou con achegas sobre as necesidades da industria audiovisual e as preocupacións (contra a suba de 13 puntos no IVE, do 8 ó 21 por cento en todo tipo de espectáculos culturais) expresadas nun comunicado lido por Antón Mourelos, presidente da Academia Galega do Audiovisual. Pola súa parte, Luís Paadín, David Barro, Xosé Gago e Santiago Fernández Lanza deron conta de novas e exitosas experiencias de emprendemento turístico-cultural en Galicia. A principal conclusión, logo de tres días de debates, defendeu o valor da cultura como vía para xerar negocio, recursos que permitan financiarse e novos produtos e subliñou a necesidade dun papel máis activo e decidido das industrias culturais e creativas no desenvolvemento económico e social de Galicia. No Foro, organizado pola Consellería de Cultura da Xuntaa de Galicia, a través de AGADIC, e o Consello da Cultura Galega, participaron cincuenta especialistas dos ámbitos académico e profesional.

No texto conformado de conclusións, os especialistas presentes no Foro Internacional INDCREA-2012 alertan de que debe evitarse unha visión excesivamente proteccionista da cultura, que deriva no arraigamento da dependencia das subvencións e a escasa procura da rendibilidade dentro do mercado dos produtos culturais. Apuntan tamén que o procedemento idóneo implica unha aposta pola explotación e polo modelo das industrias culturais; e que no caso galego, pasaría pola procura dunha masa crítica de consumidores nos mercados exteriores.

Constatan, así mesmo, un interese crecente pola parte económica e monetaria asociada á cultura e tamén ás linguas, do que se deriva a existencia dun importante sector de xeración de riqueza e emprego cualificado que vira ao redor das linguas, o seu estudo e a súa investigación.

NOVO PERFIL DE CONSUMIDOR GLOBAL

Entre outras consideracións, o escrito refírese ao novo paradigma de comunicación cultural, no que entran como fortes condicionantes os novos soportes (redes sociais, pantallas, smartphones) para determinar unha bidireccionalidade nas mensaxes que proporciona unha utilidade potencial moi elevada para os emisores.
Do mesmo xeito, perfílase ao consumidor do século XXI como máis formado, informado e esixente -un consumidor global que fai uso das novas tecnoloxías- aínda que pola mesma razón fíxase como necesario establecer filtros para facilitar un consumo intelixente.

As conclusións rematan cunha mensaxe de optimismo dentro do actual contexto de crise: a esperanza sempre está no talento e nas ganas de facer produtos de calidade, rompendo esquemas dependentes da cultura da subvención. Sinalan, por último, que unha das claves pode estar no apoio da iniciativa privada e nas novas posibilidades que poidan abrirse a partir do desenvolvemento da Lei de Mecenado.

ESTRATEXIAS DE FUTURO

As sesións do II Foro Internacional INDCREA prolongáronse ata a última hora da tarde do xoves 19 de xullo, xornada que contou, entre outros, cos relatorios de José Ignacio Aguaded (Universidade de Huelva), Rosario de Mateo (Universidade Autónoma de Barcelona), Ana Cristina Correia Gil (Universidade Pública das Açores-Portugal) ou Manuel Toharia, director científico da Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia. As reflexións abrangueron o valor económico das industrias culturais, a xeración de emprego, os modelos de negocio e o impacto da crise económica, as estratexias de futuro, as novas tendencias na industria cultural ou a divulgaciòn da ciencia, a proxección do patrimonio e a cultura na promoción turística.

IMDUSTRIAS CULTURAIS E DESENVOLVEMENTO

O secretario xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, inaugurou o Foro o martes día 17 no curso dun acto no que estiveron presentes tamén o vicepresidente do Consello da Cultura Galega, Xosé López; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, AGADIC, Juan Carlos F. Fasero, e o director da Fundación Illa de San Simón, Francisco Javier Alonso.

Anxo Lorenzo valorou o proxecto Illa do Pensamento, que se está a desenvolver na illa, á hora de propiciar iniciativas como o Proxecto INDCREA, que ten como obxectivo afondar a través da reflexión, o debate e a investigación no eido das industrias culturais e creativas de Galicia como axentes xeradores de desenvolvemento económico e social. Neste sentido, reivindicou a potencia creativa de Galicia e a súa cultura emprendedora como creadoras de riqueza e postos de traballo, propiciando ademais unha sociedade máis culta, formada, participativa e, en definitiva, máis democrática. O secretario xeral de Cultura lembrou que desde a Xunta de Galicia estanse a propoñer diferentes foros de debate en torno á cultura e á lingua, como é o caso do Foro INDCREA, de xeito que “dende a reflexión podamos pasar á acción” con propostas enriquecedoras para todo o eido da industria cultural.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais-AGADIC, Juan Carlos F. Fasero, destacou o carácter pioneiro das xornadas de INDCREA pola posibilidade de participación virtual global, desde calquera punto do mundo e desde calquera eido, desde o académico ata o profesional, grazas ás novas tecnoloxías. Tamén salientou o feito de que este tipo de iniciativas posibiliten a xeración de ideas nun momento moi importante para o desenvolvemento desta industria, posibilitando propostas exitosas, rendibles e pioneiras.

Xosé López, vicepresidente do Consello da Cultura Galega, refeiruse á necesidade de acadar novas fórmulas para xestionar a cultura, unha estratexia na que o emprendemento resulta fundamental no obxectivo de progresar nunha sociedade dixital.

Tras o acto inaugural desenvolveuse o primeiro panel, centrado na tradición emprendedora da cultura galega, no que participaron, xunto con Juan Carlos F. Fasero, o editor e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Víctor Fernández Freixanes, así como o xornalista e tamén docente da USC Fernando Salgado. O seguinte relator foi Rafael Rodríguez Ponga, secretario xeral do Instituto Cervantes, que afondou na importancia económica cultural dos idiomas no contexto da globalización.

As sesións matutinas concluiron coa intervención do escritor e profesor da EADA de Barcelona, Franc Ponti, e continuaron pola tarde coa profesora Neysi Palmero (Universidade Autónoma de Guerrero-México) e destacados profesionais como Carlos Jiménez Suárez, creador de novas aplicacións multimedia e un dos principais expertos españois en seguridade informática; Lara López, directora de Radio 3; Joaquín Martínez, director do grupo EsmerArte, e Javier Abreu, produtor musical e presidente da Asociación de Técnicos de Son de Galicia.

INDUSTRIA MUSICAL: REVISAR A LEXISLACIÓN

Un dos sectores estratéxicos que tiveron maior protagonismo neste foro é o musical, con participantes da talla de Gonzalo López Campos, director do selo Movistar Música, e cunha intensa traxectoria nas principais compañías musicais, ou Lara López, directora de Radio 3, a emisora musical de referencia en España. Tamén participaron Javier Abreu, produtor musical e presidente da Asociación de Técnicos de Son de Galicia, ou Beatriz Fernández Rivera, directora da Asociación Galega de Empresas Musicais. Nas súas intervencións, os expertos lembraron que o cambio de modelo de negocio supuxo unha importante crise, tras un período no que a industria musical era unha das máis potentes dentro do sector cultural. Pouco a pouco produciuse unha devaluación do produto, segundo Gonzalo López Campos, que na súa intervención reclamou unha revisión da lexislación actual no que respecta á propiedade intelectual, xa que a lei actual está obsoleta&rd e é anterior á era internet, polo que pouco ten que ver coas demandas actuáis da sociedade.

Na mesma liña expresáronse expertos como Javier Abreu, que abordou a necesidade de rencontrarse co consumidor, escoitalo e recuperalo. Como exemplo dixo que a industria musical esqueceu a colectivos como o dos adolescentes, mentres que outros sectores como o dos videoxogos ou a televisión encamiñaron os seus negocios cara a este segmento con grande éxito comercial e económico.

Polasúa banda, Lara López afirmou que estamos ante un novo modelo no ámbito das industrias musicais, polo que hai que buscar novas fórmulas e solucións para enfrontarse a estes cambios. En todos os casos, os expertos concluiron que o máis importante no eido da industria musical é apostar claramente polo talento.

TURISMO. APOSTA POR PDODUTOS ALTERNATIVOS

Na terceira e última xornada un dos eixos centrais do programa foron as posibilidades de emprendemento e innovación que se poden explotar no eido da divulgación da cultura e a ciencia, así como na promoción turística. Nesta mesa de traballo encabezou un dos relatorios o prestixioso divulgador e director científico da Cidade das Artes e das Ciencias de Valencia, Manuel Toharia, que puxo de manifesto o proceso de desenvolvemento deste complexo como foco creador de emprego, de atracción turística e mesmo de crecemento urbanístico na cidade. Con respecto ás posibilidades de explotación da divulgación como negocio na industria cultural, lanzou unha idea que respaldaron todos os expertos: a necesidade de intentar averiguar qué quere a xente e poñerllo doado para conseguilo. Na súa opinión, a clave na divulgación é xerar cultura científica, convencéndolle a público de que lle interesa algo que non sabía que lle interesaba.

Trasladando a innovación e a creatividade para o emprendemento ao ámbito da promoción turística, o profesor de comercialización e investigación de mercados da Universidade das Illas Baleares Antoni Serra dixo que pese a que segue dominando o turismo de sol e praia, o reclamo cultural é unha das componentes esenciais da promoción dun destino e chamou a atención sobre a xestión de numerosos equipamentos culturais que están a presentar ofertas semellantes en distintos lugares.

Serra apostou por buscar alternativas creativas á oferta do turismo convencional, nas que cobre maior valor o concepto de autenticidade e personalidade propia e máis definida do destino. Hai que comunicar unha deteminada atmósfera e experiencia, tanxibilizar o intanxible e transmitir unha vivencia, é dicir, algo que lembrar, concluíu.

Unha idea na que tamén abundou o profesor de Ciencias Empresariais e Turismo da Universidade de Vigo, José Antonio Fraiz, que apuntou o concepto do enfoque experiencial e aludiu a estratexias como a sinerxia entre o turismo e o audiovisual, potenciando a promoción de destinos a través de produtos como as series televisivas ou as películas. Os destinos turísticos déronse conta do poder que ten a filmación de películas e series nas súas localizacións, o que contribúe a crear unha narrativa moi particular.

Logo desta mesa completaron a xornada os membros do sector audiovisual e os emprendedores que están a desenvolver novas experiencias no eido da promoción turística e cultural.

As sesións foron retransmitidas en streaming pola canle San SimónTV a través da páxina web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org) e en Twitter desde a conta @illasansimon e baixo a etiqueta #INDCREA2012.

COMITÉS ORGANIZADOR E CIENTÍFICO

O comité organizador do II Foro Internacional INDCREA está presidido polo director da AGADIC, Juan Carlos F. Fasero; e á fronte do comité científico está Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega. A dirección académica e científica corre a cargo dos profesores da Universidade de Santiago de Compostela Xosé López e Francisco Campos; e da Universidade da Coruña, Valentín Alejandro Martínez.

Información detallada do programa en:
http://www.fundacionilladesansimon.org/noticia.php?id=196&se=99&su=0

imprimir enviar por correo electrÓnico
COMPARTIR
ÚLTIMAS NOTICIAS

As xornadas Arte+Pintura rematan ofrecendo unha radiografía da diversidade pictórica
Santiago de Compostela, 2014-04-24

Continúan no Consello da Cultura as xornadas que buscan trazar un mapa actual da pintura
Santiago de Compostela, 2014-04-23

Comezan as xornadas Arte+Pintura que ofrecerán un mapa da situación pictórica
Santiago de Compostela, 2014-04-22

O presidente do Consello da Cultura avalía en Alemaña a influencia da República de Weimar na Xeración Nós
Santiago de Compostela, 2014-04-21

O Consello da Cultura actualiza o debate sobre a pintura nunhas xornadas
Santiago de Compostela, 2014-04-15

O Consello da Cultura Galega colabora na doazón do legado de Pérez Prado
Santiago de Compostela, 2014-04-08

O Simposio “Rosendo Salvado e o mundo aborixe” revelou a visión tolerante e integradora do tudense
Santiago de Compostela, 2014-04-04

Divulgación »

OBSERVATORIO DA CULTURA GALEGA
As bibliotecas galegas

Podes consultar e descargar o informe

Información ampliada en culturagalega.org » Os visitantes estranxeiros salvan o turismo cultural galego
Divulgación »

As webseries van de festa

Comeza o Carballo Interplay, o primeiro festival do Estado dedicado ás series por Internet
Documentación »

ARQUIVO DA EMIGRACIÓN GALEGA
Proxecto de recuperación documental e fotográfica da emigración galega.

Campaña de recollida das coleccións particulares dos nosos emigrantes
Divulgación »

Ángeles Alvariño González

1916 - 2005. Experta internacional no estudo do zooplancto mariño

MAPA INTERACTIVO

MAPA INTERACTIVO »
Equipamentos culturais
MAPA INTERACTIVO »

MAPA INTERACTIVO

As escolas da Emigración
Recuperación do legado educativo da emigración

ROTEIROS

ROTEIROS »
Roteiros da Cultura
Viaxes temáticas a redor do noso territorio
  • O Mapa Cultura Galego é un amplo directorio de equipamentos e infraestruturas culturais en toda Galicia, xeolocalizadas

Identidade | Perfil do contratante | Lei de Transparencia | Aviso Legal | | Pazo de Raxoi, 2º andar - 15705 Santiago de Compostela - A Coruña. Teléfono: +34 981957202 Fax: +34 981957205

    Acción exterior do Consello da Cultura Galega

  • Convenios e colaboracións
  • Exposicións
  • Recuperación documental
  • Centros de estudos galegos
  • Congresos da AIEG